Lino Costas, CN de Esquerda Unida.
De acordo co informe “Índice de Pobreza Multidimensional” do ano 2024 elaborado pola ONU, 1.100 millóns de persoas, máis da metade delas nenas e nenos, viven actualmente na pobreza, en moitos casos co agravante de estar en situación de conflito bélico.
Case a metade destas persoas, 553 millóns, viven na África Sub- Sahariana e entre elas, 317 millóns, máis da metade, son nenas e nenos.
Esta situación non acontece a causa de que África sexa pobre en recursos. Todo o contrario. Este continente é rico en todo tipo de recursos, entre os que se atopan minerais, algúns deles necesarios para a fabricación de produtos tecnolóxicos e terras fértiles. Esta riqueza foi precisamente a súa desgraza ao atraer a atención do colonialismo “occidental”, un colonialismo que non soamente lles rouba os seus recursos, se non que ademais trunca por calquera medio cada intento dos países africanos para librarse del.
Isto ven a conto para deixar clara unha cousa: dar unha resposta humanitaria á cuestión dos menores inmigrantes que chegan a España non é soamente, que o é , unha cuestión de solidariedade ou de respectar a legalidade internacional como o Convenio dos Dereitos da Infancia, que estamos obrigados a cumprir. Trátase de asumir as consecuencias dun problema que creamos nos mesmos como parte da sociedade occidental. Evidentemente, a solución definitiva, radical, pasaría por permitir e axudar aos paises africanos desenvolverse por sí mesmos, ademais de desbotar a inxusta débeda externa. Pero mentres tanto, debemos dar resposta a un problema que xa está creado. Unha resposta que non pode ser a que está dando a UE a través do Frontex, reducindo a migración a base de pagar a Mauritania por enviar persoas migrantes a centros de retención onde non se respectan os dereitos humanos.
Nos últimos anos estase a incrementar a chegada de nenas, nenos e adolescentes menores migrantes, feito que levou á saturación dos centros de acollida de Canarias, Ceuta e Melilla. Ante isto, o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto 2/2025, relativo á acollida solidaria destes menores onde se estableceu un sistema de reparto entre as distintas comunidades autónomas.
A resposta das CCAA gobernadas polo PP, a excepción das comunidades receptoras directas destes menores, foi a de bloqueo dende un primeiro momento. Non acudiron á Mesa Sectorial onde se informou de como se levaría a cabo este reparto e mesmo chegaron a poñer un recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto.
A este respecto, o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, manifesta que Galicia ten “cero” capacidade de acollida e queixase de falta de información por parte do Goberno Central. Unha información que él mesmo decidiu non recibir ao negarse a participar na Mesa Sectorial. Non hai diálogo posible con quen non quere dialogar.
Eles mesmos entenden que o actual sistema de acollida é deficitario. As necesidades son imperiosas pero nada se fixo por parte da Xunta ata agora para afrontar unha situación previsible. Agora virán as presas, as urxencias, os contratos precarios, as externalizacións e as ocorrencias coma a anunciada pola Conselleira de Política social de crear un centro específico para menores migrantes separándoos do resto dos menores baixo a súa protección.
É necesario incrementar os recursos: máis centros de acollida residenciais evitando os macrocentros, formación de familias acolledoras, axentes mediadores interculturais, psicólogas, educadores, traballadores sociais, xuristas e especialistas en materia de estranxeiría, dispositivos sanitarios e educativos e de inserción sociolaboral suficientes…
De como actuemos agora vai a depender que estas rapazas e rapaces teñan perspectivas de futuro. Necesitamos un sistema de acollida que facilite a súa transición á vida adulta coma novos cidadáns produtivos e integrados na nosa sociedade. É a nosa responsabilidade.
