Unha boa maneira de ir rematando este 2025 foi para min ter unha extensa conversa cun home lúcido, amable e cordial como Luis Bará Torres, deputado autonómico do BNG desde aqueles tempos escuros nos que a supervivencia do nacionalismo galego como expresión política autónoma correu serio perigo. Algún día haberá que recoñecer como se merece o grande traballo daqueles 6 deputados e deputadas do BNG postAmio nas horas máis baixas da súa historia recente, e homenaxear a Ana Pontón, Noa Presas, Olalla Rodil, Mini, Montse Prado e ao propio Luis Bará pola súa decisiva contribución a situar ao BNG en disposición realista de disputarlle ao PP a hexemonía social de Galicia. Conversamos con Luis sobre os principais asuntos da actualidade política galega. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ Somos conscientes de que derrotar ao PP nas autonómicas do 28 pasa porque o BNG obteña uns grandes resultados nas municipais do 27”
A pouco más dun ano das últimas autonómicas, como está indo a actual lexislatura para o BNG.?
No BNG temos un grupo máis numeroso, de 25 deputados e deputadas, o que nos permite facer un traballo extenso e intenso con moita presenza a nivel comarcal. Por outra parte danos máis capacidade para facer o traballo de oposición e control ao goberno, así como para desenvolver a nosa alternativa de goberno.
Como lembras aqueles tempos nos que só erades 6 os representantes do BNG na cámara autonómica?
Ben, foron tempos moi complicados dun traballo enorme. Por exemplo en Pontevedra só eramos dous; Montse Prado e máis eu, co que tiñamos que facer toda a provincia entre os dous.
Que che tocaba a ti?
Pontevedra, Vigo, O Deza, O Condado Paradanta ….A verdade foi unha tolemia. Foi unha loucura de traballo, pero foi unha etapa que lembro con cariño pois foron uns anos de enorme aprendizaxe. E por outra parte o contacto coa xente, trasladar que o BNG é útil para resolver os seus problemas, é a esencia da política.
Pouco antes das autonómicas do 24 había unha pulsión no ambiente que daba como moi probable o cambio político na Xunta, e que Ana Pontón fose a primeira presidenta nacionalista do país. Non se produciu. E ti, na valoración da noite electoral pronunciaches unhas palabras moi bonitas nas que apelabas a non caer na tristura, porque o ascenso do nacionalismo era imparable e conduciría máis cedo que tarde ao goberno do país. Segues pensando o mesmo?
Si, rotundamente si..Estou seguro de que na campaña nós chegamos a estar por diante do PP. E tamén considero que nunca ninguén alleo ao nacionalismo pensou que nós chegaramos a ese nivel de apoio popular: unha de cada tres persoas votou a BNG.
Aínda hai espazo para crecer?
Si, estou convencido que si o hai. Nós queremos ser un instrumento para a construción dun país mellor. E iso require dialogar con moitos segmentos da sociedade, non só cos que se senten nacionalistas. Nese traballo estamos: ampliar a nosa base ás persoas que nunca confiaron en nós. E si, con certeza hai espazo para medrar. Temos a favor o liderado de Ana Pontón, unha líder que ten a capacidade de chegar a moita xente. Ela sabe trasladar moi ben os motivos que fan que o nacionalismo sexa beneficioso para o conxunto do pobo galego.
Notas algunha diferenza entre esta etapa do presidente Rueda e a anterior do presidente Feijoo?
Si. Noto un maior nerviosismo no PP, moi preocupado polo ascenso do BNG. En consecuencia o PP botouse ao monte e púxose en situacións moi extremas. Están desatados. Compórtanse como un carneiro que escorna. O PP escorna contra todo aquilo que non lle gusta: contra o BNG, contra a CIG, contra o TSXG, contra o Reitor da Universidade da Coruña,contra o consello da Cultura galega…
Altos cargos do PPdeG manifestan estar asustados polo BNG. Que tes que dicir ao respecto?
É sobreactuación e puro teatro. Están falando para un sector moi concreto do electorado coa intención de meterlles medo.
A campaña que fai o PP contra a caixa de resistencia da CIG presentándoa como se o BNG pagase ás persoas para secundar folgas, enmárcala nese mesmo contexto?
Si. Evidentemente queren crear mal ambiente. O que pretenden é trasladar a idea de que o BNG non é unha forza con capacidade para gobernar o país, senón que está na dinámica do alboroto, do balbordo e do non a todo. Algo que non resulta en absoluto críbel para calquera que se tome a molestia de analizar a realidade cun mínimo de rigor.
No intento de trasladar á sociedade esa visión espuria do nacionalismo, a TVG xoga un papel relevante?
A TVG deseña a súa axenda ao servizo do PP. Como se pode interpretar por exemplo que vaian a Soutomaior a preguntarlle a Ana Pontón polos bombeiros de Santiago?.Ese modus operandi leva á TVG a un absoluto descrédito e a que a súa audiencia estea afundida polo chan.
Cando denunciades no parlamento a deriva da TVG, que vos responde o PP?
Que quen era partidista era o bipartito. Eles sempre teñen o leitmotiv do bipartito para calquera cuestión que lles xere problemas.
Como está a cuestión de Altri?
Altri está contra as cordas. E o mérito teno fundamentalmente a mobilización social enorme da sociedade civil. Este nivel de presión social foi o que fixo que incluso na base do PP xurdiran tensións arredor deste asunto. E logo o goberno central dixo que non ía haber financiamento, e agora di que non ía haber unha subestación de conexión.
Esta posición do goberno do estado de negarlles a conexión eléctrica non supón a sentenza de morte para o proxecto de Altri na Ulloa?
Neste momento o proxecto está en punto morto e sen saída, tamén lle denegaron subvencións europeas. Pero pode mudar o goberno do estado e poden cambiar as cousas. Por outra parte a empresa seica investiu 25 millóns de €, e ningunha empresa se mete niso para acabar perdendo esa enorme cantidade de cartos, xa que logo estamos convencidos de que o van seguir pelexando. De feito no BNG estamos seguros de que existe un acordo segredo entre o PP e Altri xa da época de Feijoo.
O proxecto de Altri só poderá ser derrotado definitivamente, se continúa a mobilización e o rexeitamento social de maneira continua e de forma masiva como ata agora.
Fálame da moratoria do eucalipto?
Hai unha moratoria do ano 21, que ten que ver coa que aprobara Portugal no ano 18.Esta moratoria significa que non se pode plantar eucalipto onde non o había. Duraba ata finais do ano 25.Pero foi unha auténtica brincadeira porque se fixeron moitísimas plantacións ilegais. Tanto é así que a superficie de eucaliptos subiu máis de 20.000 hectáreas habendo prohibición.
E que fixeron agora? Unha pseudomoratoria, bastante peor da que había, que consiste en que na provincia de Lugo, nas zonas de piñeiros afectadas por un fungo, pódense cortar eses piñeiros e plantar eucaliptos na metade das parcelas afectadas.
Por outra parte inclúen un sistema de permuta qua faría posible que zonas de eucaliptos que están infrautilizadas vendan eses dereitos a outras partes do territorio galego nas que aínda non penetrou esa árbore. Esto vai ser un desastre e suporá que se incen de eucaliptos zonas que ata o de agora estaban libres.
E o asunto dos eólicos como vai?
Despois das paralizacións xudiciais cautelares houbo como un certo parón. Agora nos últimos meses houbo unha reactivación de proxectos moito maiores que son de tramitación estatal. O que fixeron as empresas foi reconverter proxectos que eran de tramitación autonómica, menos de 50 megawatt, nun proxecto que supere esa cifra para podelo pasar a un proxecto de tramitación estatal..
Agora este asunto dos eólicos estase reactivando porque hai unha directiva europea do 24 que lle dá absoluta prioridade ás renovables, e a Xunta tamén mudou varias leis para poder facilitar todos estes proxectos. Temo que teñamos unha avalancha bestial.
Estamos no mesmo que no asunto de Altri: É necesaria unha importante reactivación da mobilización social na defensa do territorio.
Que suporía para a realidade do país, a xuízo do BNG, que todos estes proxectos eólicos que están cautelarmente paralizados pola xustiza finalmente puideran facerse realidade?
Sería un desastre a nivel de impacto no territorio. Sería multiplicar o espolio da nosa riqueza enerxética para incrementar o negocio da grandes empresas que son as que están detrás deses proxectos.
E fronte a iso?
Está o modelo que defende o BNG: que a nosa riqueza quede no país, sen ser necesaria, nin moito menos, esa avalancha de proxectos.
Sobre a situación do idioma galego. Como valoras o pacto pola lingua que propón o goberno do PP?
É un auténtico paripé. É todo teatro. Fan maquillaxe para aparentar que fan algo polo idioma .Os datos de todos os estudos amosan que o idioma se encontra na peor das situacións posibles: A cadea de transmisión xeracional está rota. Iso é responsabilidade das políticas do PP. E se a Xunta quixera facer algo de verdade para arranxalo dotaría de máis recursos á política lingüística. Pero por desgraza non é así. Os orzamentos para a lingua seguen iguais. Manteñen os 11 millóns, que non chegan para nada. Por outra parte a Consellería de cultura e lingua é a que menos recibe dos orzamentos da Xunta, o que indica claramente o que lles importa este asunto.
Como ves o da AP9?
Véxoo complicado porque neste asunto PP e PSOE son exactamente iguais. Ambos defenden unha postura cando están no goberno, e a contraria cando están na oposición. Cando gobernaba o PP negouse a anular a concesión, e agora que goberna o PSOE tamén se negan a anulala. E fano con argumentos falsos sobre canto custaría esa nulidade. Nós encargamos un estudo a un profesor da Universidade da Coruña, e o custe é moi inferior ao que manifestan tanto o PP como o PSOE.
A concesión caduca no 2048.Consideras que a AP9 non se vai poder rescatar ata ese ano?
Caduca no 2048, si. E convén recordar que é grazas a unha prórroga que lle concedeu o goberno do PP. A concesión se poderá anular antes ou non? Depende da capacidade de influencia que teña o nacionalismo cos gobernos do estado, e depende da mobilización social que haxa.
Xa non queda moito para o vindeiro ciclo electoral: as municipais do 27.Como as encara o BNG?
Estamos traballando con moita ilusión preparando o calendario para dar a saída a todo o proceso tan importante para Galiza. A nosa percepción é que imos subir en apoios, que imos manter as alcaldías que son referentes para o BNG e que obteremos outras novas. Somos conscientes de que chegar ao 28 con garantías de derrotar ao PP pasa por obter uns grandes resultados nas municipais do 27.
Como valoras todas estas mocións de censura que executou o PP coa captación de tránsfugas doutras forzas políticas?
O PP utiliza descaradamente o goberno da Xunta para as mocións de censura. Eles van a por todas para tratar de gañar as deputacións de Lugo e da Coruña. Fíxate ata que punto chegan que en Sarria chegaron a un acordo co partido gobernante para investir no seu concello, a cambio de que non se presenten ás seguintes municipais. Maio do 27 vai ser unha batalla bonita e será unha especie de primeira volta das autonómicas do 2028.
E ti tes aínda o corpo para ese tipo de batallas, Luis?
Eu agora mesmo teño unha motivación vital que está por riba de calquera outra: a miña neta. Pero si, de momento aínda teño o corpo para contribuír, na medida das miñas posibilidades, a que o nacionalismo poida gobernar este país o antes posible. Teño a convicción persoal de que é o mellor que pode acontecer para o ben común do pobo galego.
