Gabino é un mozo de Sanguiñeda ao que os camiños da vida levaron a abrir un negocio de electrodomésticos, da cadea Master , na Guarda hai máis de 25 anos. Hoxe dirixe 3 tendas desa mesma cadea: Dúas no Baixo Miño, A Guarda e Tomiño, e outra na parroquia de Teis, na rúa Sanjurjo Badía da cidade de Vigo. El ten unha visión comercial coa que coincidimos: o comercio local de proximidade dá vida aos barrios , crea economía circular e contribúe a construír unha sociedade máis xusta na que todos nos axudemos a todos. Despois de tantos anos de amizade e colaboración co noso medio de comunicación foi un pracer conversar con el e coñecelo un pouco mellor.
Gabino Estévez, xerente
“Calquera cliente que nos distinga coa súa confianza pode ter a tranquilidade absoluta da calidade e a solvencia dos nosos produtos”
Gabino queremos coñecerte un pouco mellor
Ben pois eu nacín en Sanguiñeda, no concello de Mos. E os camiños da vida trouxéronme ao Baixo Miño. Teño tenda na Guarda ,en Tomiño e no ano 24 abrín unha terceira na rúa Sanjurjo Badia de Vigo. Eu vivo no Rosal
Como acaba un mozo de Sanguiñeda vivindo e traballando na comarca do Baixo Miño?
O negocio dos electrodomésticos xa vén de familia. O meu primo, que para min foi case como un padriño, tiña unha tenda no Porriño. Eu comecei traballando con el alí e aprendendo o oficio. Despois de facer o servizo militar, considerou que xa estaba preparado para levar unha tenda propia e empezamos a buscar unha localidade onde abrir. Finalmente decidimos apostar pola Guarda e abrín a tenda no ano 1999.
Polo tanto, levas xa máis de dúas décadas na Guarda.
Si, xa son 27 anos. Ao principio estaba vinculado á empresa familiar, pero co paso do tempo desvinculeime e no ano 2016 fundei a miña propia empresa, Gabinete de Electrodomésticos, aínda que na práctica a tenda xa funcionaba independente á do meu padriño.
Foi acertada a decisión de apostar polo Baixo Miño ?
Para min, totalmente. Tanto a nivel persoal como profesional. Cheguei a unha localidade onde me sentín moi ben acollido e o negocio foi funcionando. Despois de tantos anos coa tenda aberta, a valoración só pode ser positiva.
Cando abriches a tenda de Tomiño?
No ano 2004. Xa tiñamos persoal para o reparto e vimos que podiamos atender tamén esa zona. Ademais, Tomiño queda moi preto da Guarda e tiña sentido ampliar o servizo. É unha tenda máis pequena, pero tamén funciona ben.
E a tenda de Vigo?
Abrímola recentemente, no ano 2024, así que agora mesmo estamos no primeiro ano de actividade.
Como valores este primeiro ano en Vigo?
Alí partimos de cero, porque son un completo descoñecido nesa cidade, pero pouco a pouco imos abrindo camiño pola traxectoria do nome da tenda e dándonos a coñecer todos os días un pouco máis.
En que zonas traballades principalmente?
Sobre todo no Baixo Miño: A Guarda, Tomiño e O Rosal. Tamén facemos entregas puntuais noutras zonas, ás veces para clientes que teñen segunda vivenda ou que xa nos coñecen de aquí. Agora, coa tenda de Vigo, tamén podemos coordinar entregas desde alí cando convén.
Vendes máis gama alta, media ou baixa?
Hai de todo, porque non nos podemos pechar a unha soa gama. Pero o que máis se vende é a gama media, que ofrece boa relación entre calidade e prezo. Os clientes buscan iso: un produto fiable sen que o prezo se dispare. En calquera caso os clientes que nos distingan coa súa confianza poden ter a tranquilidade absoluta de que compren o que compren a calidade e a solvencia do produto está garantida.
Tedes servizo a domicilio e servizo posvenda verdade?
Si.
En que consiste o servizo posvenda?
Teño un técnico de reparación de todo tipo de electrodomésticos tanto na tenda como a domicilio, é unha persoa na que confío e ten un trato excelente para os clientes.
Que electrodomésticos teñen máis saída?
As lavadoras e os frigoríficos son os produtos máis demandados durante todo o ano. Despois hai outros máis estacionais: no verán aumentan moito os aparatos de aire acondicionado ou ventilación, e no inverno todo o relacionado coa calefacción. Tamén os lavalouzas e as televisións.
Que ofrece o comercio local fronte ás grandes superficies ou ás compras por internet?
Sobre todo o asesoramento e o servizo posvenda. Aquí o cliente pode ver o produto, tocar, preguntar e recibir explicacións claras. Ademais, se hai algún problema, non ten que chamar a un número de teléfono impersoal nin tratar con alguén que non coñece e esperar moito tempo a ser atendido nunha chamada telefónica. Nós encargámonos de xestionar todo e iso dá moita tranquilidade.
A venda en liña afectou ao teu negocio?
Si, sobre todo no pequeno electrodoméstico: cafeteiras, espremedores ou outros aparatos pequenos para a casa. Nese ámbito si se nota máis a competencia de internet e de plataformas como Amazon. Nos grandes electrodomésticos, en cambio, a xente segue valorando poder velos e recibir asesoramento.
Que é o que máis che gusta do teu traballo despois de tantos anos de experiencia?
O trato coa xente. Gústame explicar as cousas, asesorar e que o cliente entenda ben o que está mercando. Cando ves que alguén aprecia esa explicación e confía en ti, resulta moi gratificante.
Tivestes problemas de morosidade ou de seguridade nestes anos?
Atracos, afortunadamente, ningún. Morosidade houbo algo máis ao principio, cando era máis habitual pagar a prazos directamente na tenda. Agora traballamos con financeiras para ese tipo de operacións, así evitamos riscos e aseguramos o cobro.
Recorre moita xente ao pago financiado?
Non moito, só para electrodomésticos grandes, aproximadamente un 10% das ventas.
Cantas persoas traballan nas tres tendas?
En total somos sete persoas.
E que futuro ves para o negocio cando te xubiles?
Iso nunca se sabe. Teño dous sobriños que, polo menos pola idade, poderían continuar no futuro. Pero de momento sigo con ganas e ilusión. A xubilación aínda queda lonxe eu teño 52 anos.

Primer comentario