A Nova Peneira e Hermes&Atenea son publicacións cuxos alicerces están na cultura popular do noso pobo, o pobo galego. Mergullámonos ata o máis profundo para darmos a coñecer as expresións culturais de base, aquelas que non precisan da subvención do poder para vivir. Somos pobo,debémonos ao pobo e ao pobo queremos darlle voz. Neste sentido imos iniciar hoxe unha nova xeira de entrevistas e reportaxes musicais, chamada Son Galiza, que teñen por obxecto dar a coñecer grupos de rock do país galego. Grupos que posúen unha enorme calidade e talento en todas e todos os seus compoñentes e que merecen moitas máis oportunidades para podelo desenvolver. Comezamos a viaxe falando cos compoñentes da banda:
Perro Futuro
A banda está formada por Suso (batería), Diego (voz e baixo) e Xoán (guitarra). Eles apostan por un rock directo, sen artificios, que bebe do punk e da actitude máis falcatrueira do xénero.
“O rock é unha forma de vida e queremos facelo sinxelo e directo”
Para empezar, presentádevos.
Eu son Suso e son o batería de Perro Futuro.
Eu son Diego, cantante e baixista.
Eu son Xoán, guitarrista.
Sodes de lugares distintos. Como facedes para ensaiar estando cada un nun sitio?
Eu son de Ferrol de nacemento pero leva xa media vida en Ponferrada. Outros están en Vigo. Iso obríganos a adaptarnos.
Pois mira, eu son traballador e eles tamén. Hoxe en día, co envío de pistas de audio, podemos ensaiar a distancia. Eu gravo baterías, eles gravan no estudo de Diego, Xoán mesmo grava na casa. Pasámonos as pistas e imos montando os temas. Nunca ensaiamos xuntos de continuo, facémolo de vez en cando, sobre todo cando hai concertos á vista e bolos intentamos xuntarnos unha vez ao mes.
A tecnoloxía fai que unha banda coma a nosa que non comparte local de ensaio de maneira habitual, poida traballar a distancia. É cuestión de organización e ganas.
Hai vinculación con Redondela, non Suso?
Redondela para min é unha segunda casa. Aquí foi onde tiven a primeira banda seria. Os da banda seguimos sendo colegas, hai un vínculo especial.
Unha pregunta clara: por que Perro Futuro?
Diego: Non o sabemos moi ben (risas). Vén dunha conversa na casa, falando de cando tiveramos “o noso perro futuro”. Literalmente era iso, pero gustounos como soaba. Despois vimos que tiña dobre sentido: o futuro é “perro”, algo incerto, algo canalla… e tamén hai referencias como Radio Futura ou Juan Perro. Ten ese xogo.
Incluso un día nun concerto alguén nos preguntou se eramos unha banda tributo de Juan Perro (risas). Non o pensaramos así.
Gustounos como funcionaba o nome e quedou.
Como xorde o grupo?
Nós xa tocaramos xuntos antes en Autopía. Tiñamos outro batería que no verán tocaba nunha orquestra familiar e sempre había problemas de compatibilidade. No verán, que é cando máis actividade hai, quedabamos colgados. Buscamos alguén que puidera substituílo e, despois de chamar a moita xente, demos con Suso.
Foi a última hora, case, pero dende o primeiro momento houbo bo feeling. Fixemos algún concerto xuntos e despois decidimos montar algo novo xa máis estable.
Como definiriades a vosa música?
Rock sinxelo, directo, entre serio e truán.
Intentamos facer cancións sinxelas, que funcionen en directo. Cada vez buscamos máis simplicidade nun momento no que moitas producións musicais apostan pola sofisticación. Ás veces dá a sensación de que todo está moi producido, moi cargado. Nós queremos recuperar esa frescura máis básica da rock dos anos 80.
O rock quizais nunca tivo que saír do underground. Sempre haberá cousas pequenas por aí. Todos os grupos comezan nalgún sitio.
É un pouco ir contra corrente, non? Agora todo está moi producido, moi sofisticado…
O rock segue sendo unha cuestión de actitude máis que de estética. “O rock é unha forma de vida”.
Agora facemos intercambio con outras bandas e para este verán ofrecéronos tocar con Carlos Balacera. Intentamos traer grupos a Redondela, colaborar, botarnos unha man. Ao final é facer rede, porque nós temos contactos que outros non teñen e viceversa.
Hai relevo xeracional nos concertos?
Malia que parte do público adoita ser da nosa xeración, ultimamente estamos vendo rapazada nova, saltando e desfrutando. Iso dá moito ánimo. Ao final, se queremos que haxa escena, hai que coidala.
Eu, por exemplo, que dou clases de batería, intento meterlle aos pais na cabeza que traian os fillos aos concertos. Se hai entrada gratuíta para menores, mellor. Hai que crear costume. Non pode ser que só vaian os pais tomar a cervexa e deixen os rapaces na casa co reggaetón. A música en directo é unha experiencia que hai que vivir, ver tocar a batería en directo engancha.
Ao final tamén é responsabilidade nosa, a rapazada movese moito nas redes e isto temos que facelo nós tamén, promocionar, insistir. E deixarlles o acceso gratuíto para vernos en directo, porque aso 16 anos non se ten pasta para pagar entradas.
Como vivides os concertos?
Cando te metes nun grupo pensan en pasalo ben e desfrutar. Con temas directos, enerxía sobre o escenario e unha filosofía clara. A proximidade da xente en sitios pequenos, tocas horas sen deixar de sentilo. Persoalmente non vexo a miña vida sen unha guitarra. Tocar para a xente é evadirte dos problemas e responsabilidades, desfrutar do momento e desfrutar da xente que te ven a ver tocar.
Toda a música que tocades é vosa?
Facemos versión e tocamos a nosa música a, as dúas cousas, pero todo o que se escoita é producido e gravado por nós.
Pódese vivir da música?
Pódese, nós vivimos disto pero temos que diversificar. Eu dou clases, outros compaxinan con tributos ou en verbenas.

Primer comentario