Un ano máis cando agroma a primavera e a luz do astro rei semella que deixa atrás ás interminables choivas deste inverno, chegan ás rúas da nosa querida Redondela os eventos culturais de enorme transcendencia na sociedade redondelá. Comezamos coa décimo novena edición do Millo Verde que como sempre nas últimas dezaoito edicións ven precedido do festival de maquetas. Lembremos que o grupo que consiga gañar o festival será premiado coa súa participación no cartel do Millo Verde.
Neste 2026 o concurso de maquetas celebrarase o vindeiro 11 de abril , na Feira do Gando, a partir das 17:00 horas, mentres que para o Millo propiamente dito teremos que agardar ata os próximos 21, 22 e 23 do mes de Maio. Dos tres días do Millo,como nas últimas ocasións, o primeiro será de balde e os dous últimos con entrada. Nós conversamos con dúas das persoas que teñen un papel máis destacado na organización.
Andrés Edreira e Lucía Ramonet.
“ Como sempre facemos: desde a organización imos dalo todo para que o público que nos acompañe saia coa sensación de que a nosa casa é tamén a súa”
Comecemos falando do festival de maquetas: Como funciona ?
Moi ben. Este é décimo oitavo ano que o facemos e pensamos que xa está plenamente consolidado. O Millo chega á súa décimo novena edición e o festival de maquetas comezou un ano máis tarde.
Como hai que facer?
É moi sinxelo: Nós subimos as bases ás redes sociais e á web. E quen estea interesado pode enviar aí as súas maqueta. Teñen que mandar tres temas propios e, no caso de que teñan, tamén un vídeo.
E se é un disco?
Ten que ser autoeditado, non pode ser cunha discográfica.
Cantas se presentaron este ano?
Arredor de 40.
Como escolledes aos finalistas?
Cada persoa da asociación que o organizamos ten dous votos: o propio, e o dunha persoa externa, elixida por cada un de nós, á que se lle pasan os temas para que os escoite e vote.
Sabemos os finalistas deste ano?
Si que o sabemos. Pero non os podemos comunicar aínda porque os grupos finalistas aínda non foron notificados.
Todos os grupos son galegos?
Maioritariamente si. Creo que son todos galegos agás un de León e outro portugués.
Cales son as datas do festival das maquetas este ano?
O 11 de abril na Feira do Gando a partir das 17:00. Outro ano máis xunto con Arte Lixo. O concurso de maquetas en si comezará arredor das 21:30..Teremos o primeiro e o segundo finalista e o grupo convidado: Mambas Negras. Despois das actuacións dos finalistas, votarase e o grupo gañador tocará no Millo Verde. Tamén quixeramos salientar que para todas as persoas que vaian ás maquetas e voten, teremos o sorteo dun abono para os dous días do Millo que son con entrada. Iso si, o afortunado ou afortunada terá que estar presente cando se faga o sorteo.
Camisolas á venda , como outros anos, haberá?
As novas aínda nos as temos pero si que haberán algunhas á venda que quedaron da edición anterior.
Falemos agora do Millo: Para o cartel deste ano temos novidades?
O Millo será o 21, 22, e 23 de Maio. Xa temos o cartel pechado e xa está case todo publicado na nosa web. Como nos últimos anos o xoves será de balde, e o venres e o sábado con entrada.
Temos creo que un cartel extraordinario con pratos fortes como por exemplo “Esmorgadas” “ Pande Capazo”, “Rebelión do inframundo…”
De cantos grupos poderemos gozar nos tres días de duración do festival?
En total teremos 18 grupos. Este ano procuraremos non rematar polas noites tan tarde como en edicións anteriores.
Contaredes con actividades paralelas?
Si, de novo teremos distintos obradoiros. Asemade tamén haberá actividades para os máis cativos. Estamos seguros de que tanto as maquetas como o Millo van ser un grande éxito e aproveitamos a oportunidade das vosas páxinas para convidar a todos os lectores e lectoras a que nos acompañen.
Agardemos contar coa axuda da meteoroloxía
Ha, ha, ha, ha….Agardemos que este ano si, que nos axude un pouco tempo. En calquera caso nós xa estamos afeitos á dificultades climatolóxicas e con chuvia ou sen ela darémolo todo para que o público que nos distinga coa súa compañía saia coa sensación de que a nosa casa é tamén a súa.

Primer comentario