XXXVIII Festa da Ostra de Arcade

A parroquia de Arcade, no concello de Soutomaior, volverá converterse no corazón do sabor do mar das Rías Baixas coa celebración da XXXVIII edición da Festa da Ostra, unha cita que cada ano reúne a miles de visitantes arredor dun dos produtos máis emblemáticos da Enseada de San Simón. A festa terá lugar os días 3, 4 e 5 de abril, aínda que as actividades comezarán xa a finais de marzo.

Unha festa con máis de tres décadas de historia. A primeira edición celebrouse en 1987, impulsada polos propios ostricultores da zona, que viron na vila de Arcade o lugar idóneo para organizar unha celebración arredor deste molusco. Non era casualidade: a localidade fora pioneira no consumo, na comercialización e mesmo na exportación da ostra, que desde aquí chegaba non só a diferentes puntos de España, senón tamén a diversos países europeos.

A iniciativa naceu coa intención de potenciar o consumo da ostra e poñer en valor un produto clave na economía da zona, ao tempo que se proxectaba a imaxe de Arcade como un dos principais referentes na produción e venda deste apreciado marisco.

Desde os seus comezos, a organización da festa contou coa implicación de Ostricultores, hostaleiros e comerciantes que colaboran cada ano co Concello de Soutomaior para sacar adiante unha celebración que co paso do tempo se consolidou como unha das citas gastronómicas máis destacadas de Galiza, recoñecida oficialmente como Festa de Interese Turístico en 2002.

A elección do primeiro fin de semana de abrilpara a súa celebración tampouco é casualidade. Segundo explican os produtores, é nesta época cando a ostra se atopa nas mellores condicións biolóxicas para a súa degustación, o que garante a máxima calidade do produto.

Ao longo da historia, a ostra estivo rodeada de lendas. Tradicionalmente atribúeselle un carácter afrodisíaco, e dise que o mítico sedutor Casanova recorría a elas para recuperarse dos seus excesos amorosos. Xa na antiga Grecia, as cunchas deste molusco utilizábanse para votar en Atenas: nelas escribíase o nome do político que se quería expulsar do goberno, e quen recibía máis votos era condenado ao ostracismo, un desterro que podía prolongarse durante cen anos.

O escritor Álvaro Cunqueiro tamén quixo deixar o seu particular tributo a este produto e definiu a ostra como “un manxar esencial para abrir unha mariscada” e asegurou que posúe “un sabor espiritual, que é como unha saudade do mar”.

O pasado once de marzo a festa foi presentado no peirao de Arcade, coa enseada como pano de fondo, nun acto no que participaron o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, membros da corporación municipal, viticultores e representantes do sector hostaleiro.

Durante a presentación, o rexedor destacou que a festa é “un evento feito co maior dos agarimos e coidados, trátase dunha festa de unión que enxalzará o produto máis típico da parroquia de Arcade, unha festa de interese turístico á que convido a vir a todo o mundo a descubrir e degustar a Ostra, do nos Albariño de Soutomaior e a coñecer todos os atractivos do noso concello”. Evento pensado para poñer en valor o produto máis representativo da parroquia. Lourenzo convidou a visitantes e veciñanza a achegarse a Arcade para degustar as ostras e os viños da zona, especialmente o albariño elaborado no propio concello.

O alcalde tamén subliñou o traballo realizado durante meses para preparar unha edición que aspira a ser “a mellor ata o momento”, combinando gastronomía, música e promoción do produto local. A ostra volverá ser a gran protagonista da celebración, cunha maridaxe destacada co albariño de Soutomaior.

A pregoeira desta edición será a veciña María Codesido García, á que o Concello quere recoñecer pola súa traxectoria persoal marcada pola disciplina, a constancia e a superación. Segundo palabras do alcalde: “María é unha persoa que traballa incansablemente para conseguir as súas metas. Unha persoa que é unha referente para todas e todos nós, pois a súa traxectoria demostra que a pesar das adversidades non nos podemos render nin desilusionar, xa que, é posible sobreporse a todas as dificultades e loitar ata conseguir os nosos obxectivos. Con tal motivo, este ano a pregoeira será a nosa veciña, María Codesido García. Unha muller que é un claro exemplo de disciplina, seriedade, constancia, tenacidade, perseveranza, modestia e valores para conseguir o que nos propoñamos” .

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou o valor da festa como homenaxe ao sector do mar e ao traballo das persoas vinculadas a el. Tamén puxo en valor o proxecto Ostreares, impulsado pola Confraría de Arcade.

A organización agarda superar as 30.000 persoas asistentes, que poderán degustar as ostras a prezos populares: 10 euros a ducia, mentres que as botellas de albariño de Soutomaior manteranse en 12 euros. Como novidade este ano as casetas xa abriran o venres por cadrar coa Semana Santa.

Ademais da degustación tradicional, tamén haberá propostas gastronómicas máis elaboradas da man da experiencia Os Tres, que este ano inclúe como protagonista a: crujiente de gamba con tartar de ostra, ostra en escabeche tradicional ou ostra marinada en teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque.

Programación completa:

29 de marzo

Celebración da 7K Soutomaior e da Carreira Infantil da Ostra (inscrición gratuíta).

Madrugada do 1 ao 2 de abril

Programa especial “Pensando en ti” da Radio Galega, en directo desde o Multiusos de Arcade.

Venres, 3 de abril

  • 12:00 h. Apertura das casetas da festa.
  • 12:30 h. Concerto de Chispas do Lérez.
  • Noite Actuación das orquestras Olympus e Finisterre.

Sábado, 4 de abril

  • 12:00 h. Apertura das casetas.
  • Pasarrúas da comparsa Imperiais, desde o Calvario ata o Peirao.
  • Noite Verbena coas orquestras Los Satélites e La Misión.

Este ano a tradicional tirada de fogos artificiais non se celebrará tras un informe desfavorable de Costas, ao tratarse dunha zona incluída na Rede Natura.

Domingo, 5 de abril

  • 10:00 h. Pasarrúas da Banda Artística de Arcade e da Banda Cultural de Arcade, desde o Calvario ata o Peirao.
  • 11:00 h. Apertura das casetas de degustación.
  • 12:00 – 15:00 h. Actuación de Fernando Sánchez Jazz Quartet na carpa do Peirao.
  • 13:00 h. Lectura do pregón a cargo de María Codesido García.
  • 18:00 h. Concerto de Louoband no Peirao de Arcade.

Primer comentario

Deixa a túa opinión