Miliario Romano “O Marco”, patrimonio compartido entre Mos e Redondela

Jose Manuel Lago Carrera
Nado en Mos e residente en Redondela

O miliario romano coñecido como O Marco debe seguir sendo un elemento de unión entre os veciños das parroquias próximas, tal e como leva sendo ao longo dos séculos. A súa presenza non representa unha separación, senón un punto de encontro que forma parte da historia común deste territorio.

Este miliario da vía XIX, datado na época do emperador Traxano, no século II, constitúe un elemento patrimonial singular, sendo o único que permanece na súa posición orixinal. Precisamente por ser marco territorial conservouse no seu lugar histórico; doutro xeito, tería sido trasladado a un museo. Este feito resulta amplamente documentado.

Cómpre lembrar que no ano 1931 o gobernador civil intentou trasladalo ao Museo de Pontevedra, iniciativa que non chegou a realizarse pola oposición dos veciños das parroquias de Vilar de Infesta, en Redondela, e de Louredo e Guizán, en Mos, quen defenderon colectivamente a súa permanencia no lugar: armados con apeiros de labranza, rodearon o miliario ao berro de que “o Marco non se movía de alí”. Este episodio evidencia o valor simbólico e identitario que sempre tivo para ambas comunidades.

A documentación existente dende o século XIX, momento da creación dos concellos, así como o levantamento detallado realizado polo Instituto Xeográfico no ano 1940, non deixa lugar a dúbidas: o miliario actúa como marco delimitador entre os concellos de Mos e Redondela, situándose por tanto en ambos territorios. Estes documentos describen ademais con precisión as súas medidas e os elementos gravados na pedra.

Respectar o Miliario Romano O Marco implica respectar a historia e a memoria dos nosos antepasados. A súa función histórica como marco territorial non debe entenderse como un punto de división, senón como un símbolo de convivencia e relación entre comunidades veciñas, tal e como a propia historia demostra.

Os erros producidos no momento de trasladar as antigas medicións aos sistemas modernos xeorreferenciados, tal e como recoñece o Instituto xeográfico, fai necesario que os concellos corrixan as imprecisións acorde a lexislación vixente nos procesos de deslinde correspondentes. Resulta importante actuar con responsabilidade e dilixencia por parte dos Concellos neste momento para evitar máis confusión, especialmente tras anos nos que foron ambos concellos de Redondela e Mos, non os veciños, quenes introduciron erros en documentos urbanísticos e publicacións.

Os concellos deben abordar con seriedade o traballo pendente e traballar en conxunto coa veciñanza para mostrar o que a historia evidencia: que se trata dun patrimonio situado entre ambos concellos, un símbolo identitario das parroquias que teñen neste punto o seu linde común e que debe resolverse coa máxima dilixencia e respecto pola realidade histórica.

O Miliario non é unha pedra que separa, senón un referente que nos une. Leva séculos no mesmo lugar, formando parte da vida dos veciños das tres parroquias, lembrándonos que a historia común permanece. Respectalo é respectar a memoria colectiva dun territorio compartido.

Primer comentario

Deixa a túa opinión