· “Esta proposta, que continuidade as que fixemos en 2019 e 2023, pretende frear o concepto de museo do goberno local que cercenaría toda esta zona e integralo nun proxecto ambicioso que nos dote de auditorio e de instalacións moi necesarias”, manifestou o voceiro

Redondela, 19 de xuño de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela presentou hoxe na súa sede unha proposta para a construción dunha gran infraestrutura sociocultural na zona da Marisma que permita dar un salto cualitativo nesta materia e atender as moitas necesidades dos veciños cun complexo de edificios interconectados que incluiría un auditorio de grandes dimensións, un espazo museístico, unha biblioteca, un novo conservatorio, a Casa da Xuventude e locais para as asociacións, así como un espazo exterior que complementaría todos estes recintos.

O voceiro municipal, Javier Bas, acompañado por gran parte dos concelleiros do grupo municipal, presentou esta mañá esta iniciativa na sede do PP e anunciou que a mesma, “aínda que xurde do noso partido pertence a todo o pobo de Redondela”, polo que vaise formalizar a través dunha moción no próximo pleno. “Cremos que é unha gran idea, porque é ambiciosa e responde ás necesidades dos veciños, polo que imos tenderlle a man a todos os grupos para sacala adiante entre todos pensando en grande”, manifestou.

O concelleiro popular explicou que esta iniciativa dá continuidade á proposta de Barrio das Artes e da Cultura que o PP presentou co gallo das eleccións municipais de 2019 e 2023 e a intención era reiterala para os próximos comicios de 2027, pero aclarou que houbo que adiantala ante a intención do executivo

socialista de cercenar toda esta contorna cun único edificio para un museo. De feito, na moción do PP solicítase tamén a paralización desta iniciativa para integrala “no corazón deste proxecto máis amplo e completo”.

Redondela afronta un momento decisivo para dotarse das infraestruturas culturais que merece e cremos que toda a zona da Marisma non pode hipotecarse para sempre cun edificio cando ten moitas máis posibilidades”, explicou Bas, que aclarou que ese é o motivo do rexeitamento do PP á actual proposta do goberno local.

Javier Bas concretou que o ámbito da Marisma dispón dunha superficie máis que suficiente con 5.000 m2 para albergar todas estas infraestruturas máis que necesarias, “posto que non temos auditorio, somos o único concello da provincia con máis de 20.000 habitantes sen el e as 280 butacas do multiusos son insuficientes, o conservatorio cae a cachos, precisamos dunha biblioteca moderna e queremos dotar de espazos á mocidade e ás asociacións”.

Moitos concellos teñen unha infraestruturas e continentes culturais fantásticos, pero están absolutamente baleiros de contido. En Redondela temos a sorte de que somos unha referencia cultural, artística e musical cun espectro artístico, unha mocidade e uns colectivos moi implicados, polo que, dado que temos o contido, cremos que chegou o momento de darlles o continente, as instalacións que merecen para que poidan dinamizar aínda máis o noso concello”, rematou.