Marín, 23 de Xullo de 2026.

A supremacía dun grupo social maniféstase de dous modos, como dominio e como dirección intelectual e moral. Un grupo social é dominante dos grupos adversarios, aos que tende a “liquidar” ou a someter incluso coa forza armada…

Neste texto de Gramsci podemos substituír “grupo social” por “nación” para comprender mellor como actúa unha nación dominante sobre outra dominada á que pretende facer desaparecer. A nación dominante trata de acadar a hexemonía gramsciana con todos os medios de que dispón, o mesmo que a burguesía fai co proletariado. No caso da Galiza podemos fusionar a nación dominante coa burguesía dominante, pois son o mesmo opresor.

España trata desde fai séculos de facer desaparecer do mapa a esa “anomalía” chamada Galiza, e para iso impón o seu idioma, a súa cultura e emprega o ensino como unha máquina desgaleguizadora. E ao deporte, e as súas seleccións deportivas e deportistas famosos. En tempos foilles moi ben coa Alonso manía, co facha de Nadal, e agora parece que lles funciona a promoción-exaltación de “la Roja”.

A selección como símbolo da España que nós une a todos, por que todos somos españois. Ou non?

Cada vez que xoga a selección española as rúas énchense de bandeiras españolas, a “rojigualda” do franquismo, de pantallóns xigantes onde concentrar o sentimento patrioteiro español e programacións especiais en todas as canles de tv e radio ensalzando as bondades do fútbol.

Cada pantalla xigante nunha praza ou alameda dunha vila ou cidade galega é un chanzo máis no proceso de españolización do pobo galego. É unha victoria na nación-clase dominante sobre a nación-clase dominada, un paso máis na aniquilación de Galiza.

O máis triste é que o discurso penetrou nas mentes de quen se din nacionalistas galegos e hoxe xustifican e defenden o apoio á selección española, que seica é progresista, integradora e propalestina. A febleza ideolóxica na sociedade galega, e no mundo do nacionalismo-soberanismo, nunca foi tan grande. Asúmense os símbolos e os valores do enimigo, repítense mensaxes e ideas propias da socialdemocracia española como se o “podemismo” fose o modelo a seguir. Cambiase o combate pola conciliación, abríndolle as portas á derrota na loita pola supervivencia de Galiza.

Neste partido só hai dúas equipas: nación opresora ou nación oprimida. Só temos duas opcións, ser dominados, ou enfrontarnos á dominación para continuar sendo o que somos. Deixar de ser unha nación oprimida para ser unha nación soberana.

Os cálculos electorais que buscan o camiño máis fácil para encher as institucións priman sobre o traballo para facer medrar unha base social sólida e formada coa que resistir nos tempos duros que virán. Porén, das institucións non van vir as solucións aos nosos problemas, nin o Parlamento Autonómico, nin o Congreso, nin o Parlamento Europeo serven para mellorar as nosas condicións de vida. Son instrumentos dunha democracia-ditadura burguesa ao servizo do capital e da guerra. Xa o dicia a canción, “mándanos autonomía que os caciques son moi listos”.

Acabou o partido, volvemos ao mundo real.

Acabado o mundial volverán os problemas, eses dos que non falan os medios de comunicación. Os que non lle importan aos presidentes nin aos monarcas.

Agora, despois da euforia futbolística, toca voltar a unha realidade cada día máis escura. Toda esa rapazada que celebraba os goles de España vai ter un futuro cheo de atrancos, sen capacidade económica para mercar unha vivenda, como moito para un alugueiro compartido, terá un emprego precario con poucos dereitos e unha xubilación incerta, unha sanidade cada día máis privatizada e de pior calidade. E, esperemos, que os nosos gobernantes europeos, sempre tan serviciais, abandonen a súa axenda guerreira imposta pola OTAN contra Rusia e non nos embarquen nun conflito bélico onde a mocidade galega teña que ir de carne de canón para defencer a conta de resultados dos grandes fondos carroñeiros.

Mentras non veña un novo evento deportivo sería bo momento de retomar o traballo militante en todos os ámbitos da sociedade. As organizacións políticas soberanistas-independentistas explicando a realidade como é, explicando o que é Galiza e na situación que se atopa dentro do estado español e da UE-OTAN. As organizacións culturais e centros sociais defendendo e promovendo a nosa cultura, a nosa música, o noso idioma. Os sindicatos defendendo os intereses da clase traballadora.

A batalla non está perdida aínda que España gañara o mundial, Galiza leva resistindo cincocentos anos a dominación española e se queremos podemos darlle a volta ao partido. Este 25 de Xullo é unha boa data para coller folgos, recuperarmonos das feridas futboleiras e comezar a preparar o próximo mundial.