A asociación galega de viticultura insiste, máis unha vez, na necesidade de que as axudas públicas deben ir asociadas a crear valor no sector
Pontevedra, 25 de agosto de 2026.
A AGV critica que a convocatoria de axudas do IGAPE para financiar ás adegas na compra de uva non vai asociada ao establecemento dun prezo mínimo por quilo de uva. Nun contexto de tensión do mercado, a administración continúa co abandono aos pequenos viticultores, permitindo que non se lle paguen prezos xustos e que estas axudas non leven consigo que se cumpra sequera a Lei da Cadea Alimentaria.
Unha axuda que beneficia ás adegas a bonificar xuros e comisións de préstamos para pagar a uva, pero permite a estas facelo por debaixo dos custes de produción, non é unha axuda para o sector.
Esta é unha liña de axudas que se vén dando dende 2023, sen que Xunta de Galiza avalíe se os beneficiarios pagaron a uva a un prezo superior, igual ou máis baixo que as adegas non beneficiarias. En que se beneficia o sector se adegas que reciben axudas lle pagan ás persoas viticultoras un prezo inxusto?
As axudas públicas no sector vitivinícola deben estar ligadas a incrementar o valor do sector, non a financiar adegas por financialas.
A AGV esixe que calquera axuda pública ao sector veña condicionada á subscrición de contratos homologados de compra de uva, cun prezo mínimo referenciado aos custes reais de produción. A normativa europea xa o permite: non hai que crear nada novo, só que a Xunta o active.
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.

