Pontón critica que Feijóo use ás vítimas de Urda para desacreditar a folga xeral do 11N: “É unha indecencia política e moral que o retrata”

O BNG chama á participación masiva na xornada de paro xeral fronte a un PP cada vez máis ultra e que quere chegar ao poder a calquera prezo

“Quería facer mención a unha cuestión que me parece moi grave, como é a petición que acaba de facer Feijóo aos sindicatos para que desconvoquen a folga que está prevista para o próximo 11 de novembro. Quero dicirlle a Feijóo que é moi grave que se queira cuestionar un dereito fundamental como é o dereito a folga.

Creo que isto fala moi ben de cales son os principios democráticos de Feijóo. Pero cuestionar esa folga apelando a unha traxedia que se cobrou a vida de 69 persoas é unha indecencia moral e política que deixa moi claro quen é, e que, desde logo, retrata a quen a fai.

Eu creo que en política, como na vida, non vale todo. E que se queira utilizar unha traxedia que neste momento sigue aí moi presente, porque sabemos que hai moitas persoas que aínda nin tan sequera puideron facer ben o dó, que queira utilizar o señor Feijóo ás vítimas dunha traxedia para atacar aos traballadores e traballadoras que convocan unha folga xeral para defender unha vida digna, para defender salarios decentes, para defender o dereito á vivenda, é unha indecencia moral que retrata a un Feijóo e a un Partido Popular que son cada vez máis ultra e que nos demostran que non teñen límites e que están dispostos a todo utilizando mesmamente as vítimas dunha traxedia.

E é curioso que hoxe o señor Feijóo dixera que este unha folga contra a oposición. Convócase unha folga polo dereito á vivenda e Feijóo cree que é unha folga en contra do Partido Popular.

Aquí temos todo unha declaración política de que o PP, cando se fala de defender o dereito á vivenda, deixa moi claro que vai a seguir defendendo o dereito á especulación, que o que fixo Feijóo ao longo destes anos na Presidencia da Xunta.

Fálanos agora de que el é un gran xestor que sabe. Cales foron as solucións de Feijóo en materia de vivenda? Dinamitar a política social de vivenda, paralizar a construción de vivenda pública e temos como gran logro que nos seus últimos oito anos entregou 15 vivendas en aluguer social. Este é a política de vivenda de Feijóo e é unha auténtica vergoña.

Desde o BNG o que queremos é facer un chamamento para que nos mobilicemos polo dereito á unha vida digna e polo dereito á unha vivenda. Que haxa un apoio masivo a esa folga convocada para o próximo 11 de novembro para demostrar que non imos permitir que nos recorten dereitos e liberdades. Que imos a traballar para que realmente a xente traballadora poda chegar a fin de mes para que a vivenda sexa un dereito e non un luxo”.