A principios deste ano publicábase esta obra do profesor vigués Moncho Seixo. No libro ofrece unha escolma de 500 frases propias do idioma galego, con obxecto, entre outros, de axudar a desterrar expresións de uso habitual, que en realidade son adaptacións do castelán, e podermos recuperar as frases auténticas do idioma galego.
Calquera traballo que, como este, axude a dignificar a lingua galega e a impulsar o seu uso habitual merece toda a nosa admiración e respecto e, na medida das nosas posibilidades, sempre van ter un oco nas nosas páxinas. Asemade, a fraseoloxía é un campo especialmente interesante que permite axudar a comprender as relacións semánticas que levaron a que as palabras teñan o significado que teñen.
Pero, como temos repetido unha e mil veces, este tipo de marabillosos esforzos individuais non son suficientes para asegurar que as xeracións futuras poidan seguir falando en galego con normalidade. Cómpre vontade política para tratar de reverter decontado os alarmantes datos do uso do idioma entre as xeracións máis novas. Unha vontade da que a actual administración carece.
En calquera caso eu desfrutei moito falando con Moncho. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Moncho Seixo.
“Temos un goberno que quere matar ao idioma por inanición”
Queremos coñecerte Moncho
Ben, eu son de Vigo, do barrio do Calvario. Estudei Filoloxía, parte no CUVI e parte en Santiago. E unha vez rematada a carreira traballei uns anos de interino ata que aprobei as oposicións. Estiven un tempo nun instituto de Ourense ata que acadei a praza na Escola de Idiomas de Vigo, e alí desenvolvín o meu traballo ata que me xubilei.
Dabas galego?
Si.
A que abano de idade?
Ben, como é un ensino non obrigatorio pois maioritariamente traballei con persoas adultas. Predominaba o profesorado.
Supoño que non terías moito problema, pois entendo que habería unha vontade a priori de aprender?
Ben, digamos que esa vontade á que te refires suponse, si.
Gustábache o traballo?
Si,gustábame. Agás a parte dos exames , elaboración , corrección e reclamacións, que non me gustaba nada.
Ti es dos que se aburren na xubilación?
En absoluto. Teño moitos proxectos e ideas que me ocupan o tempo.
De onde ven o teu gusto pola fraseoloxía?
É difícil de saber. Comecei a interesarme por ese campo na escola de idiomas.
Este libro non é o primeiro que publicas desta temática, verdade?
Publicamos no ano 2000 o Dicionario Fraseolóxico Galego a partir da información recollida por un colectivo que creamos ao respecto.
No momento en que se creou a revista “ Cadernos de Fraseoloxía” publicamos aí varios traballos, como por exemplo un sobre a fraseoloxía da parroquia de Matamá
Unha curiosidade: A palabra “ghicho” é específica da zona de Vigo?
Si, penso que si. Como moito dunha zona algo máis ampla, da ría de Vigo, pero si que é desa parte de Galicia. Eu creo que provén do caló “gachó”.
Cando xorde “Non todo o que cae na rede é peixe”?
A finais de febreiro. Esta é unha antoloxía do que estou traballando. Escollín 500 frases que por motivos diversos me pareceron interesantes.
Por que motivos?
-Propor alternativas a expresións que eu considero castelanismos
Algún exemplo?
A expresión castelán “a lo mejor” galeguízase como “ ao mellor” , cando a forma natural no noso idioma é se cadra.
A forma española “ con pelos y señales” adáptase a “ con pelos e sinais” cando hai varias expresións galegas apropiadas, como por exemplo polo miúdo.
E como esas, moitas outras.
Ben, sigamos cos motivos
-Recoller expresións pouco coñecidas. Algunha en concreto creo eu que é a primeira vez que se publica.
Por exemplo?
Unha característica de Boqueixón:” Naceu un espiño na ponta do Pico Sagro”, que viría a significar algo así como soouche a frauta por casualidade , ou a máis coñecida de o meu can pillou unha mosca.
Moi interesante. Quero saber o resto de motivos que fixeron que esta obra vise a luz?
-Corrixir erros que aparecen na fraseoloxía.
-Ofrecer un modelo de presentar as variantes en fraseoloxía de maneira clara.
Como está artellada a obra?
Por orde alfabética.
Consultaches moito material para faceres a escolma?
Si, todo tipo de material: Literatura, xornais, tradición oral..
Algunha que escoitaras ti especialmente bonita?
Ben, pois varias. Pero por salientar unha podería mencionar a que escoitei a unha peixeira no mercado “ Traballar para quecer, máis vale morrer de frío”, nun contexto no que explicaba que un tipo de peixe en concreto non o vendía porque non lle deixaba marxe a ela.
Onde podemos atopar o libro se o quixeramos comprar?
En calquera libraría. A miña intención é popularizar a fraseoloxía porque é unha parte da lingua que está bastante esquecida. Polo menos no ensino trabállase pouco. E é unha mágoa porque eu coido que tanto a fraseoloxía como o refraneiro poden dar moito xogo.
Cales son as palabras que teñen máis fraseoloxía?
As de uso máis corrente, por exemplo as partes do corpo humano. A fraseoloxía reflicte basicamente todos os aspectos da vida do pobo. É unha creación anónima da vida do pobo.
A temática da morte é recorrente?
Si, desde logo que si. De feito é un dos conceptos que ten máis fraseoloxía
Ti cres que existe algunha posibilidade de que nas seguintes xeracións o galego poida seguir existindo como lingua viva?
Si, si que existe, pero temos que facer o necesario para que sexa realidade. O problema é que temos un goberno que quere matar ao idioma por inanición. A proba está na cantidade de cartos que destina á lingua, un orzamento ridiculamente baixo se os comparamos cos das administracións vasca e catalá para os seus idiomas.
Cal sería ao teu xuízo a política ideal que debera desenvolver á administración para tratar de evitar a morte do idioma?
A inmersión lingüística. Non entendo porque lle teñen tanto medo, pois o castelán é un idioma tan potente que non correría perigo algún porque os nenos e as nenas aprenderan en galego.
Ti tes unha visión crítica sobre o papel da RAG, por que?
Por distintos motivos. Por exemplo a fraseoloxía no dicionario da academia é moi escasa, asemade eles dan por bo case todo o que se di.
É dicir: Para eles todo o que cae na rede é peixe?
Ha, ha, Ha.. O título do libro é importante, abofé. A lingua galega sofre unha presión moi forte da lingua castelá, e non todo o que se di é galego. Non se pode aceptar todo.

Dirección A Nova Peneira
