A asemblea da Sección Sindical da CUT en Stellantis Vigo, celebrada no día de hoxe, analizou os resultados das últimas eleccións sindicais e acordou a composición da súa nova Executiva, nun proceso de renovación que combina a incorporación de novas responsabilidades coa continuidade do traballo sindical desenvolvido nos derradeiros anos.
No marco desta renovación, Rosana Comesaña SanRomán asumirá a Secretaría Xeral da Sección Sindical da CUT en Stellantis Vigo, tomando o relevo de Vítor Manuel Mariño Fernández, que continuará como membro do Comité de Empresa. Rosana asumirá tamén a portavocía da organización, converténdose na principal interlocutora pública da CUT no centro de traballo tanto interno como externo.

Pola súa banda, Pablo Martínez Fernández, ata o de agora membro do Comité de Empresa, pasará a desempeñar a función de delegado sindical da organización, reforzando así a estrutura e a capacidade de acción da CUT dentro de Stellantis Vigo.

Rosana Comesaña Sanromán é traballadora de Stellantis Vigo e leva varios anos asumindo responsabilidades sindicais, tanto no Comité de Empresa como no Comité de Seguridade e Saúde, onde desenvolve un labor continuado na defensa da saúde e da seguridade das persoas traballadoras. A súa traxectoria está marcada polo compromiso coa prevención de riscos laborais e pola defensa dos dereitos da clase traballadora.

A súa experiencia sindical complétase coa súa participación na vida política municipal como concelleira do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Soutomaior, onde a formación nacionalista exerce o goberno municipal.

Dende a CUT valoramos esta renovación como un paso importante para fortalecer a organización, dar continuidade ao traballo colectivo e avanzar nunha estrutura sindical máis sólida, participativa e preparada para afrontar os retos presentes e futuros de Stellantis Vigo.

A nova Executiva asume esta responsabilidade coa vontade de manter a liña de traballo da CUT, baseada na defensa dos dereitos laborais, na mellora das condicións de traballo, na prevención dos riscos laborais e na participación activa das persoas traballadoras.
A renovación de responsabilidades supón a continuidade dun proxecto colectivo no que o compromiso, a experiencia e a participación son fundamentais para seguir construíndo unha alternativa sindical de clase, combativa nun sector en continuo cambio.