Critican que se considere patrimonio ao fascismo, e entenden que é especialmente grave que sexa nun centro de ensino, onde se deben inculcar os valores contrarios
Lembran que o franquismo se caracterizou pola destrución de milleiros de bens materiais e inmateriais do pobo e tamén obra de artistas disidentes co totalitarismo
Pontevedra, 29 de xuño de 2020
A Iniciativa Galega pola Memoria, en todas as xuntanzas dos colectivos memorialísticos, ten acordado a erradicación de calquera simboloxía que enalteza o franquismo e exalte os seus crimes. A súa insistencia ten dado os seus froitos e acadou algúns avances, mesmo lexislativos. Mais logo de 45 anos da morte do ditador o colectivo entende “que xa non podemos aceptar máis escusas e moito menos a da defensa do Patrimonio, cando precisamente o franquismo se caracterizou ademais pola destrución sistemática de milleiros de bens materiais e inmateriais do noso pobo, e a persecución e destrución da obra daqueles artistas disidentes do totalitarismo” e nese senso, critica a paralización por parte da Xunta de Galicia da eliminación da simboloxía fascista na fachada do instituto Santa Irene de Vigo.
Lembran desde a IGM que a chamada lei da Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro) no seu artigo 15 establece que as Administracións deben retirar este tipo de placas e pon como única excepción o feito que poida haber “razóns artísticas, arquitectónicas ou artístico-relixiosas protexidas pola lei”. E defenden que a devandita lexislación, “con ser tímida e o seu cumprimento desleixado, non pode ser interpretada, por enriba, a favor de que o escudo franquista sexa considerado en si mesmo como valor histórico ou artístico, tal como fixo a Xunta de Galiza”. Para o colectivo, unha lectura deste tipo, que considera o emblema do réxime, como patrimonio, “é un insulto ás vítimas do fascismo e ademais cobra especial gravidade ao estar a presidir un centro de ensino, no que debe educarse ao alumnado nos valores democráticos, tolerantes co plurarismo, pacifistas e solidarios contrarios ao que representa o franquismo. A defensa dos dereitos humanos nas aulas queda refutada polo que enxalzan no frontispicio. Pero lonxe de alegar o que representa o significado do brasón fascista, a miúdo quen defende a súa pervivencia acocha os seus verdadeiros intereses baixo desculpas coas que pretenden gañar unha opinión pública que non aceptaría os seus obxectivos. Pero estas evasivas non deben distraer a atención do fundamental: A eliminación da simboloxía franquista”.
Por todo iso, os colectivos que compoñen a IGM esixen da Xunta de Galiza que cumpra esta demanda no caso do Instituto Santa Irene de Vigo.