Os socialistas denuncian que o parque tiña que estar reformado en setembro e que a falta de planificación e unha tramitación inadecuada do expediente provocaron que o alumnado comezase o curso sen unhas instalacións de recreo axeitadas.


Mondariz, 20 de outubro de 2026.


O Grupo Municipal Socialista de Mondariz conseguiu a aprobación por maioría dos dous acordos da moción presentada no último pleno municipal do 13 de outubro, para dar unha solución urxente e definitiva á situación do parque infantil do CPI de Mondariz, cuxa reforma debería estar rematada antes do inicio do curso escolar.
Durante o debate plenario, a portavoz socialista, Violeta Lois Fortes, realizou unha exposición detallada de todo o expediente administrativo, explicando punto por punto as actuacións realizadas polo Goberno municipal, os erros na súa tramitación e as circunstancias que provocaron que a obra non se executase no prazo comprometido.
A intervención socialista puxo de manifesto que o problema non foi a falta dun proxecto nin o descoñecemento do estado das instalacións, senón a falta de planificación, coordinación e xestión por parte da Alcaldía.
De feito, durante o debate, o propio alcalde asumiu que as cousas non se fixeran correctamente, un recoñecemento que, para os socialistas, confirma as deficiencias na xestión deste asunto.

Un expediente que evidencia os erros de xestión
A portavoz socialista explicou que o Concello dispoñía desde marzo de 2026 dun proxecto técnico para reformar o parque infantil, cun orzamento de 37.691,50 euros, e que existía o compromiso de executar os traballos durante o verán para que as instalacións estivesen dispoñibles ao comezo do curso escolar en setembro.
Porén, o 31 de marzo, o propio alcalde remitira un escrito á Consellería de Educación no que recoñecía que as obras previstas podían exceder as competencias municipais de conservación e mantemento.
Malia coñecer esta circunstancia, o Concello solicitou o 1 de abril unha subvención de 27.097,81 euros á Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan +Provincia, que finalmente foi rexeitada o 4 de setembro por cuestións competenciais.
Para o Grupo Municipal Socialista, esta sucesión de feitos demostra que a Alcaldía non soubo encamiñar correctamente o expediente desde o principio, malia dispoñer de información suficiente para prever as dificultades que podían xurdir.
«Non estamos ante un problema que aparecese de repente. O Concello coñecía o estado do parque, tiña un proxecto redactado e sabía que podían existir problemas competenciais. O que faltou foi unha xestión eficaz para garantir que as obras se realizasen no prazo prometido», sinala a portavoz socialista.

Os nenos e nenas, os principais prexudicados
Os socialistas consideran especialmente grave que as consecuencias desta situación recaian directamente sobre o alumnado de Educación Infantil, que, ante a falta dun espazo de xogo adecuado dentro do centro, ten que desprazarse durante o recreo ao parque municipal, acompañado polo profesorado.
«O alcalde comprometeuse coa comunidade educativa a que o parque estaría reformado en setembro. O curso comezou, a obra non se fixo e os nenos e nenas seguen sen poder desfrutar dun parque infantil adecuado no seu propio colexio. Esa é a verdadeira consecuencia desta mala xestión», lamenta Lois Fortes.
Dous acordos aprobados por maioría
A moción presentada polo PSdeG-PSOE foi aprobada por maioría nos seus dous puntos:
Primeiro. Convocar, coa maior brevidade posible, unha reunión de coordinación coa dirección do CPI de Mondariz, representantes do profesorado de Educación Infantil, ANPA e Consellería de Educación, para analizar as necesidades reais do alumnado e acordar unha solución definitiva para a reforma do parque.
Segundo. Instar ao Goberno municipal a comprometerse a realizar as obras con carácter urxente, buscando financiamento ou recorrendo aos fondos municipais, nun prazo de 15 días.

O PSOE esixe que os compromisos se convertan en feitos
Dende o Grupo Municipal Socialista valoran positivamente que o pleno apoiase as dúas propostas, pero advirten de que a aprobación da moción non pode converterse nun novo compromiso sen executar.
«O alcalde recoñeceu que as cousas non se fixeron ben. Agora o que corresponde é asumir esa responsabilidade con feitos, convocar a reunión e poñer todos os medios necesarios para que o parque sexa unha realidade canto antes», afirma a portavoz socialista.
Finalmente, os socialistas aseguran que realizarán un seguimento dos acordos aprobados e das actuacións que leve a cabo o Goberno municipal.
«Os nenos e nenas de Mondariz non poden seguir pagando as consecuencias dunha mala xestión. O parque tiña que estar feito en setembro e estamos en outubro sen unha solución definitiva. Xa non é tempo de promesas, é tempo de cumprir», conclúe Violeta Lois Fortes.