Entre os obxectos atopados, figuran rodas de vehículos, botellas de plástico e cristal, bolsas, macetas, tenis, envases de comida, etc.
Tomiño. 11 de xullo de 2019
Unha ducia de persoas voluntarias participaron onte na actividade de Recollida de lixo en kaiak, organizada polo Concello a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). O percorrido iniciouse e rematou nunha zona próxima ao embarcadoiro de Goián, pasando por debaixo da ponte internacional até á altura do Lenta (Cerveira), aproximadamente.
Os voluntarios e voluntarias recolleron cinco sacos de grandes dimensións con todo tipo de lixo; sobre todo, botellas de plástico e cristal, macetas e bolsas plásticas, tenis, chancletas, envases de comida, etc., sen contar un bo número de pneumáticos de vehículos de diferentes tamaños, coma xa ocorrera en anos anteriores.
Desde a OMIX queren dar as grazas a todas as persoas que participaron nesta actividade de valor ambiental e respecto ao medio; un dos temas nos que o Concello está a traballar de forma transversal.