A maxia dos contos

Ler Conta moito biblioteca do Rosal A Nova Peneira

Este mércores chegou “A maxia dos contos”á biblioteca do concello. Con estas actividades enmarcadas dentro do programa “Ler conta moito” preténdese fomentar e dinamizar a lectura entre os diversos colectivos.

Con “A maxia dos contos”, os máis cativos tiveron a oportunidade de experimentar as sorpresas que se agochan dentro dos libros, de ser os protagonistas das historias escritas nas súas páxinas e mesmo de escribir coa forza das súas mentes un conto sobre animais. Foi unha actividade máxica na que os personaxes dos contos cobraron vida a través de monicreques e na que os asistentes riron, crearon, cantaron e ata se mergullaron nas historias que se contaron.

Quedan moitas máis actividades coma esta programadas para as próximas semanas. Consultade a axenda de actividades na web do concello e achegádevos ata a biblioteca.