O PXOM de Ponte Caldelas está en camiño

Ponte Caldelas A Nova Peneira

Dende o Goberno Local celebrarán asembleas en todos os pobos do concello co fin de presentar este Plan Xeral de Ordenación Municipal. Andrés Díaz anuncia ademais que os veciños poderán presentar as alegacións que consideren necesarias sen ningún custe para eles.

Ponte Caldelas, 28 de setembro do 2019

O Goberno Local enviou á Xunta, antes das eleccións locais, o borrador do PXOM acordado polo PSOE, BNG e polo PP. Un documento co que se pretende poñer fin ás Normas Subsidiarias de hai máis de 25 anos e aprobar a primeira ordenación urbanística desenvolvida expresamente para Ponte Caldelas. Pois ben, ese borrador do Plan Xeral xa está de volta no concello de Ponte Caldelas. Agora dende o Goberno Local comezarán a realizar asembleas nos pobos de Ponte Caldelas co fin de dar a coñecer en profundidade ese PXOM en xeral, e en particular de que xeito lle afecta a cada núcleo poboacional do concello.

As asembleas comezarán a vindeira semana, a primeira terá lugar o día 1 de outubro, en Vilarchán ás 20:30 na casa do pobo e a segunda, será o xoves 3 de outubro en Pazos. As asembleas terán lugar dous días á semana durante os vindeiros 3 meses. Serán un total de 26 asambleas.

Para estas asembleas estará presente un técnico da empresa ADIU SLP (a empresa que redactou o PXOM) e tamén estará o alcalde de Ponte Caldelas. Durante cada exposición, a cada pobo, levarase un plano grande para que a xente poida acceder a el e comprobar de que xeito lles pode afectar o PXOM enviado dende a Xunta de Galicia.

Ademais o alcalde de Ponte Caldelas anunciou que todas as veciñas e veciños que desexen realizar unha alegación a este PXOM poderán facelo, para isto terán que achegarse ata o concello e un técnico será o encargado de redactar esa alegación de xeito totalmente gratuíto. Díaz quixo lembrar unha vez máis “ que o urbanismo en Galicia decídeo a Xunta, co cal o que estea en desacordo co PXOM poderá presentar alegacións sen que teña que gastar diñeiro”.

Segundo Díaz “agora o importante é dar a coñecer este Plan Xeral de Ordenación Municipal” ao que engadiu que este “plan é moi importante para o crecemento urbanístico do noso pobo, é fundamental para Ponte Caldelas regular o urbanismo”. Un plan que foi acordado no seu momento polos tres partidos polos PSOE, PP e polo BNG. Díaz asegura “que o futuro do noso pobo pasa por si somos o suficientemente valentes e intelixentes para ser capaces de aprobar un documento que regule noso obsoleto urbanismo que está freando o noso crecemento por falla de chan urbanizable”.

O Goberno Local retoma así o frustrado Plan de 2006 do anterior goberno municipal, “no caixón” dende entón tralo duro informe preliminar da Xunta de Galicia. Ademais, foi necesario adaptarse aos numerosos cambios na Lei do Solo e a entrada en vigor de varios plans sectoriais (entre eles as Directrices de Ordenación do Territorio) producidos nestes anos, o que obrigou a refacelo por completo.

O alcalde, Andrés Díaz destaca que o PXOM pretende concluír un traballo que o Concello de Ponte Caldelas encargou ao equipo redactor ADIU SLP xa no ano 2000.

Díaz recalca que Ponte Caldelas necesita crecer no seu centro urbano, onde os polígonos existentes levan parados moitos anos, e tamén racionalizar uns núcleos rurais cuxa delimitación nas Normas Subsidiarias ten pouco que ver coa realidade física.

Unha vez corrixido e adaptado o documento poderá ser aprobado inicialmente polo Pleno. Entón será sometido a exposición ao público durante dous meses, resolveranse as alegacións e chegará a aprobación provisional polo Pleno. O PXOM será entón remitido novamente á Xunta de Galicia, que é a quen lle corresponde a aprobación definitiva.

O PXOM prevé un crecemento dun 60% da edificabilidade existente na actualidade. Isto tradúcese en 1.500 novas vivendas en bloques residenciais e un total de 3.400 parcelas destinadas a vivendas unifamiliares.