O Sergas adxudica ‘a dedo’ unha unidade de Fisioterapia ao centro de saúde de Tenorio

Concello de Ponte Caldelas A Nova Peneira

A Xunta utiliza ás 5.600 veciñas e veciños de Ponte Caldelas para xustificar unha inversión caciquil noutro concello.

Garantir persoal médico en todos os centros de saúde, cubrir baixas e vacacións dos profesionais e adecentar os propios centros ten que ser a prioridade neste momento.

Ponte Caldelas, 15 de novembro de 2019

Enterámonos polos medios de comunicación que o centro de saúde de Tenorio vai acoller unha unidade de Fisioterapia que dará cobertura a 15.000 persoas dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama e Forcarei. Vemos con bos ollos que se poña en marcha novos servizos para a cidadanía e alegrámonos polos veciños de Tenorio, pero as cuestións que afectan á poboación de varios concellos deben tomarse de xeito consensuado e non con asignacións ‘a dedo’. Non se pode consentir que a Xunta de Galicia utilice ás 5.600 veciñas e veciños de Ponte Caldelas para xustificar unha inversión caciquil no concello de Cerdedo-Cotobade. O Sergas non consultou con nós a ubicación desta nova unidade de Fisioterapia e ubícaa nun centro de saúde que non é de referencia nin presta ningunha utilidade a Ponte Caldelas. Tampouco o consultou co concello de Forcarei. Por qué se escolleu Tenorio? Entendemos que a decisión de ubicalo en Tenorio, no termo municipal de Cerdedo-Cotobade, se debe única e exclusivamente a unha decisión partidista, política. Mentres os centros de saúde da contorna sufren recortes en persoal, pois non se cubren baixas médicas nin vacacións e temos profesionais compartidos entre centros de diferentes concellos, mentres os edificios sanitarios da comarca precisan melloras na propia infraestrutura, para os concellos amigos hai novos servizos, servizo pioneiros que lle poñen unha ‘medalla’ a un alcalde amigo, do PP, e actual voceiro deste partido na Deputación de Pontevedra. Casualidades. Os novos servizos están moi ben, pero hai que apostar por mellorar as infraestruturas xa existentes, por garantizar á veciñanza que un profesional sanitario o vai atender no seu centro de saúde cando a súa médica non está. En Ponte Caldelas queremos ter un centro de saúde ben atendido e, por suposto, tamén nos gustaría ter unha Unidade de Fisioterapia propia para a nosa veciñanza.