Xan Xove: “lamentamos que a conselleira amose como vitoria o que non é nada máis que plasmar o que dicían os informes”
Santiago, 18 de decembro de 2019
Ante
as novas coñecidas esta mañá ao respecto da negociación das cotas
de pesca na UE, o Grupo Común da Esquerda salienta a necesidade de
moderar o optimismo co que son recibidas tanto por parte Xunta como
por parte do Ministerio.
Os datos coñecidos na mellora das
cotas do xurel na zona IV, ou da xarda, non son máis que a
plasmación dos informes técnicos do ICES, que xa recoñecían esta
realidade moito antes das negociacións. “Por iso lamentamos que
a conselleira amose como vitoria o que non é nada máis que plasmar
o que dicían os informes, sendo polo tanto a súa acción neste
sentido absolutamente intranscendente e incapaz de acadar nada a
maiores do que xa se coñecía de antemán”, manifestou Xan
Xove. “Non é de recibo aproveitar politicamente as correccións
técnicas previsibles publicitándoas como froito da acción
política”, engadiu o deputado.
Ademais, aínda resta a
segunda parte deste reparto, que é o reparto interno entre zonas e
dentro dos propios estados. Nesta liña, o Grupo Común da Esquerda
amosa a súa preocupación polo reparto interno das cotas, agardando
que a Xunta faga o seu traballo e revirta a discriminación histórica
de Galicia neste reparto interno. Por outra banda, Xan Xove apuntou
que as cotas acadadas “distan moito das necesarias para
satisfacer as necesidades da nosa frota, polo que esperamos que aínda
se poidan mellorar en base a intercambios con outros países, como
acaba de conseguir Portugal co atún vermello”.
Así
mesmo, desde o Grupo Común da Esquerda amósase preocupación polo
aumento da compravenda de dereitos de pesca entre zonas, o que crea
graves distorsións nas posibilidades pesqueiras instaurando un
sistema de intermediación e de xestión paralelo desa propia cota