O BNG, lamenta que o Concello de Redondela, non presentara alegacións á ampliación de AUCOSA

BNG A Nova Peneira

Refírense á solicitude da empresa instalada na beiramar de Cabanas, para construír unha nova nave en terreos competenza da Autoridade Portuaria

En setembro do pasado ano, anunciábase a solicitude de Auxiliar Conservera S.A. de ocupación de terreos, ante a Autoridade Portuaria de Vigo, para cumprir cun trámite administrativo. “Dende o Bloque Nacionalista Galego, puxémonos a estudiar este expediente, para o cal tivemos que traballar nas propias oficinas do ente, na Praza da Estrela”, comenta o voceiro municipal, Xoán Carlos González. Tras un estudio pormenorizado, “descrubimos que realmente o que se solicitaba era autorización para a construcción dunha nova nave para a produción de aceite a partires dos restos de peixes”, desvela o edil.

Segundo Xoán Carlos González, a nova factoría ocuparía uns mil cincocentos metros cadrados, en dous andares, máis cercana ao mar que calquera das que xa dispón a empresa. A inversión total, superaría os dous millóns trescentos mil euros. Consolidaríase así o complexo industrial de AUCOSA, en Punta Chapelisa, en plena Rede Natura 2000.

“Dende o grupo municipal elaboramos e presentamos ante a Autoridade Portuaria de Vigo, a conseguinte alegación, para deter estas obras. Argumentamos, que a actividade da factoría nada tén a ver coa explotación directamente de productos mariños, polo que súa ubicación debería cinguirse a un polígono industrial”, afirma Xoán Carlos González.

Tamén se interesou o edil nacionalista, en saber se o Concello de Redondela, presentara algunha alegación, para facer forza conxunta. Despois de dirixir un escrito en novembro do 2019, ao goberno de PSOE-AER, non houbo ningún tipo de resposta. “A conclusión á que chegamos, é que ningunha forza política, nin a concellaría de medioambente, nin dende a alcaldía, se elaborou Alegación algunha, cuestión que lamentamos”.

Engade o edil nacionalista, que o presidente da Autoridade Portuaria, estase convertendo nun “verdadeiro depredador do noso medio natural, autorizando obras deste tipo, planificando en converter o Estreito de Rande, nun grande polígono industrial. As vindeiras eleicións galegas, tamén serán determinantes para botar a López Veiga, e que a presidencia da Autoridade Portuaria pase a ser ocupada por alguén máis sensíbel co noso medio natural”, remata na súa nota.