Deixádeos respirar

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

Pasado o choque inicial provocado polo colapso que supuxo a pandemia, moitos empezamos a facer propostas para enfrontar a crise que se nos viña, e todas as administracións comezaron a falar das axudas aos sectores máis afectados.

En Nigrán, xa nun momento moi inicial, o BNG da localidade rexistrou unha serie de propostas de medidas fiscais a adoptar dende o ámbito municipal para compensar as dificultades orixinadas polo covid a comerciantes e empresarios. O goberno municipal, aínda que con certo atraso, acabou adoptando algunha, como a importante bonificación (do 75%) da taxa de ocupación da vía pública ás terrazas, algo que eu mesmo reclamaba no meu último artigo na Nova Peneira como un acto de xustiza que paliase, sequera en parte, as terribles consecuencias que golpeaban ao importante sector hostaleiro en Nigrán. 

Pois ben, como ocorre sempre, como ocorría antes do coronavirus e como seguirá a ocorrer despois, pasar das baratas boas intencións, ás máis caras concrecións das medidas, constitúe un fatigoso camiño que a algúns cústalles demasiado. 

Á tardanza do establecemento da bonificación municipal, pero adoptada ao fin e o cabo, non foi acompañada por equivalente disposición das administracións estatal e autonómica. A pesar de rivalizar durante todo o estado de alarma entre os gobernos de Santiago e Madrid, tirándose os trastos á cabeza, sobre as súas respectivas actuacións, foron as administracións locais as que acudiron en exclusiva en auxilio dos hostaleiros e os seus traballadores. Nin Portos de Galicia (Xunta de Galicia), nin Costas (Estado), emularon ao concello e mantén as taxas sobre os seus espazos, o Porto de Panxón no caso da Xunta e o paseo marítimo no caso do goberno central.

Esta situación non só é claramente inxusta e supón un abandono de Portos e Costas aos seus usuarios, senón que devén nunha evidente discriminación entre os establecementos, pois, dependendo da súa localización, uns ven reducida tres cuartas partes o importe da súa taxa e outros absolutamente nada. Apenas aceptaron non cobrala polos dous meses que obrigatoriamente deberon permanecer pechados. Faltaría máis. Pero nin un céntimo menos cando poden abrir, aínda que as restricións de aforamentos lles supuxesen enormes dificultades para recuperar o volume de negocio, chegando no caso de Portos de Galicia incluso a aumentar a recadación ao cobrar polo espazo ocupado que se pode ver ampliado como consecuencia de ter que manter as distancias de seguridade.

O que se revela no caso dos portos é unha problemática máis ampla e anterior, que non é outra que as abusivas taxas que a Xunta impón a determinadas actividades nos espazos portuarios, non só as terrazas, senón incluso a utilización por parte dos concellos do seu solo para a realización de diferentes eventos que se ven gravados a prezo de ouro polo ente autonómico. A finalidade de Portos de Galicia debera ser procurar un uso axeitado dos espazos portuarios en beneficio dos seus usuarios e, na medida en que sexa compatíbel, dos veciños en xeral. Non dende logo ser un ente especulativo con afán recadador.