A Corporación Municipal aproba por unanimidade a moción presentada pola veciñanza de Ribadetea

Xunta de Galicia elabore a execución do saneamento da parroquia

Esixen ao Goberno da Xunta que cumpra o seu compromiso de aportar 
o 80% da totalidade da obra de Saneamento na parroquia

O Concello xa ten reserva de 200.000 euros no orzamento de 2020 para a primeira fase

Ponteareas, 29 de xullo 2020

No Pleno ordinario celebrado na tarde do martes 28, a totalidade dos concelleiros da Corporación Municipal votaron a favor dunha moción presentada pola Plataforma veciñal de Ribadetea, na que se acordou esixirlle á Xunta de Galicia que elabore o proxecto de execución da totalidade do saneamento da parroquia, así como cumprir o seu compromiso de aportar o 80% do seu custe.

Esta actuación na parroquia máis poboada de Ponteareas, na que aínda carecen de saneamento os seus 900 habitantes, forma parte da programación de obras do Plan Director de Saneamento, iniciativa deste goberno que permitirá achegar este servizo básico aos máis de 7.000 veciños e veciñas que a día de hoxe carecen del, a maioría nas parroquias de Ponteareas.

“O Concello xa ten unha reserva orzamentaria no 2020, e asumiremos o 20% do custo da totalidade da obra, como puxemos enriba da mesa nas reunións celebradas con Augas de Galicia nos últimos anos. Este goberno estableceu as bases para poder acometer agora estes importantes investimentos en saneamento, que serán tamén unha prioridade nos vindeiros anos. Resulta incrible que no 2020 teñamos tantos milleiros de veciños e veciñas sen a canalización e tratamento das augas residuais”, afirmou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.