ECOEMBES

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

A semana pasada lin, no xornal Público, unha noticia que me impactou. Un informe da Fundación Changing Markets, definía a Ecoembes como unha organización de lobos con pel de cordeiro que fomenta a utilización de plásticos dun só uso. Ao parecer, as empresas envasadoras, as de distribución e as que fabrican os envases, páganlle á Ecoembes unha taxa (que nos cargan primeiro aos consumidores) para que esta xestione a recollida e se encargue da posterior reciclaxe de cada un dos envases que saen ao mercado. Si isto se confirmase, chegaríamos a conclusión de que cantos máis envases de usar e tirar compremos, de máis cartos vai a dispoñer a organización. Os ecoloxistas din que só se recicla arredor dun 25% de todo o que se produce e pregúntanse a onde van parar os cartos dese 75% que non se recicla.

Esta nova xerou en min unha particular inquietude. Sempre vin a esta organización como unha ONG ecoloxista, preocupada pola reciclaxe, por estar constituída sen ánimo de lucro, por cantidade de artigos escritos por diferentes autores, en xornais variados, que sempre acababan recorrendo como fonte fiable aos datos de Ecoembes e sobre todo polos apoios e bos comentarios de diferentes universidades. Non só inquietude senón tamén incredulidade. É por iso, que a continuación procederei a contarlles a breve e enriquecedora relación, que tiven con Ecoembes, pola cal aínda se me fai malo de crer todo os comentarios que se están a verter sobre a organización, á que a acusan de escurantismo, opacidade, falta de transparencia, de opoñerse de xeito sistemático a outras alternativas máis respectuosas co medio ambiente, etc.

Hai catro anos, na escola de Mondariz Balneario, na aula dos nenos aos que lle daba clase, decidiuse facer un proxecto sobre ecoloxía. Alumnos e familias involucráronse con ilusión e o resultado obtido, tanto en cantidade como en calidade, foi un éxito. Cando rematamos o proxecto decidimos presentalo a un concurso de literatura infantil “Los profes cuentan” organizado por Ecoembes e que trataba sobre o coidado do medio ambiente a través da reciclaxe. 

O xurado estaba composto por xente de recoñecido prestixio como Elsa Punset e Nieves Rey, directora de Comunicación Corporativa y Marketing de ECOEMBES. O concurso superou todas as expectativas de participación, e o xurado, como é de imaxinar, e como nolo fixo saber a empresa no seu blog, tivo moito traballo para elixir aos gañadores. O premio para o relato gañador consistía nunha viaxe para 30 persoas valorada en 6.000 €. Unha vez rematado o concurso enviáronos un cuestionario de 8 preguntas. Contesteino e ao final do mesmo, agradecinlle a iniciativa por fomentar os valores non só da ecoloxía, senón tamén o da transparencia, o esforzo e o traballo. Comenteilles que a calidade dos proxectos fora sobresaínte, sobre todo a do relato gañador que levaba por título “El profesor Reciclator hace brillar a Yellow Blue” do CEIP Santa Clara en Alcázar de San Juan, de 5ºB. O final do relato era especialmente conmovedor, xa que o protagonista entrou a formar parte do cadro de persoal de Ecoembes e pouco despois converteríase no asesor da compañía. A idea de que a personaxe principal do conto acabara converténdose en asesor da organización, foi dunha lucidez que está ao alcance de poucos e que só a cabezas ben amobladas se lles pode ocorrer. O segundo premio gañouno, tamén, o CEIP Santa Clara en Alcázar de San Juan, en concreto a clase de 5ºA. Ao final da misiva fixen extensiva a miña felicitación ao CEIP en cuestión polo éxito acadado. Ser premiado por partida dobre, cando foron centos de escolas as que se presentaron, ten moito mérito. 

Despois de ter colaborado con eles no concurso literario, quedei moi satisfeito porque foron moitísimas as cousas que aprendemos sobre a reciclaxe. Sinto moita pena canda se lles acusa de mentireiros ou mesmo de ter un feixe de xornalistas distribuídos por tódolos medios de comunicación de masas. Esperemos que co paso do tempo todo se vaia aclarando para ben.

Eu polo de pronto xa comecei coa realización dun novo proxecto que penso presentar, no que os protagonistas serán os delegados do Consello de Administración de Ecoembes que está formado por conselleiros de empresas como: Coca-Cola, Danone, l’Oreal, Mercadona, Carrefour, Calvo, Pepsi Co, etc. E ata aquí podo contar, para incrementar o suspense e evitar que a alguén se lle ocorra plaxiarme a idea.