Vello debate

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

No ruído da tramitación parlamentaria da nova lei de educación reverberan ecos de antigas disputas. Non vaiamos tan lonxe. Vale con calquera momento do século XIX europeo no que por primeira vez as masas desherdadas adquirían voz política e reclamaban a necesidade duns valores distintos aos defendidos polas clases dirixentes. Estas, en distinto grao, asumían os ideais universais da ilustración. Os ben coñecidos de Liberdade, Igualdade e Fraternidade. 

As masas denunciaron que tras ou con os ideais da Revolución Francesa, as burguesías nacionais dominantes incluían valores que favorecían a unha parte dos cidadáns en contra da outra. A liberdade de empresa, a libre competencia, a compulsión ao crecemento e, xa que logo, á explotación ou, mesmo, a supervivencia do máis apto son valores, por de pronto, incompatibles coa fraternidade humana e coa sostibilidade da natureza. Son valores, ao ver do movemento obreiro, que dividen a cidadanía e a perverten. Obrigan a distinguir entre cidadás con goberno e sen goberno. E, cando cadra, seleccionar cidadás coa etiqueta de “superfluos”. Son, se dirá na tradición democrática, crenzas sostidas polas clases dominantes co único fin do beneficio privado.

Máis francamente ou máis cinicamente, todo o mundo semella admitir esta situación. Os académicos din que está naturalizada. Queren dicir que a división social en clases obedece unha lei natural das sociedades, igual que na sociedade das avellas. Agora ben, iso non é así. As clases dominantes necesitan inxentes gastos de enerxía educativa para manter esta situación. Cómpre que os humanos saiban ler para que esas supostas leis da natureza se cumpran. Iso non lle ocorre ás avellas ou aos xenes. As avellas ou os xenes non precisan ir a escola para saber como se comportar. Unha avella é sempre unha avella. Pero, os humanos, xa dixera hai un tempo Aristóteles, falan e mesmo algún fai preguntas e cuestiona os valores dominantes nos que o educan.

Velaí o enigma da educación. Ninguén sabe como quen non ten máis remedio que falar a lingua do grupo no que medrou, asumir os seus valores, necesariamente particulares, porén, poida, non só cuestionar eses valores e modos de vida , ese “vivamos coma galegos”, senón pretendelo facer en nome de valores universais, disque de ningunha parte.

Non pode, din os ideólogos. Nin hai linguas universais nin valores universais. Nin sociedades con valores universais. Polo tanto, toda protesta está condenada a cambiar unha clase por outra. Ninguén pode cambiar a división de clases. Sempre haberá quen teña que recoller as mesas despois do convite. É a resposta conservadora, a resposta universitaria e a proposta dos que opinan que a materia de valores éticos só ocupa un tempo precioso na carga horaria do alumado para a educación científica. Estou de acordo. Esa sería a resposta de Marx. Pois pensaba que a liberación política das masas era unha cuestión de ciencia, non de conciencia. Pero dunha ciencia con deberes a realizar polas masas.