- A asociación de veciños A Portela (Tameiga) insta á Fiscalía a que abra dilixencias por delitos de prevaricación administrativa e contra a ordenación do territorio pola obras da cidade deportiva do RC Celta en Mos.
- A asociación veciñal sinala ao R.C. Celta, a todos os concelleiros do goberno municipal de Mos que participaron nas xuntas de goberno que adxudicaron as licencias para a construcción da cidade deportiva e aos funcionarios da Xunta que informaron favorablemente ditas autorizacións.
A asociación veciñal denuncia que o proxecto aprobado no seu día en Xunta de Goberno Local de Mos, segmentado en dúas partes, supón unha verdadeira urbanización do espazo forestal dada a natureza das obras e a magnitude do espazo ocupado.
Sinalan que das superficies afectadas, modificadas e edificadas, despréndese claramente que os proxectos aprobados son unha verdadeira urbanización dun espazo forestal, co obxecto de obter dotacións ou equipamento de tipo deportivo para unha determinada entidade deportiva de carácter privado.
Desde a asociación resaltan que as obras autorízanse en terreos rústicos de protección forestal, os cales antes do inicio das obras, atopábanse nun estadio moi próximo ao natural, é dicir, cubertos de arboleda sen practicamente intervención humana en canto a obras, instalacións e/ou camiños.
A asociación de veciños de Tameiga recorda que ao tenor do disposto no art.36.4 da Lei 2/16 e o art.51.4 do Regulamento de desenvolvemento aprobado por Decreto 143/2016 requírese inexcusablamente a aprobación previa dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións. Devandito Plan non existía no momento de ser concedidas as licenzas indicadas. Nin está aprobado a día de hoxe.
Por outra banda, aínda no caso de que se considerase que as obras autorizadas non constitúen equipamento e/ou dotación de carácter deportivo, a propia natureza do chan de especial protección forestal onde se sitúan fai que as mesmas non sexan autorizables, polo indicado no art.51.2 do Regulamento o cal indica que o uso debe de ser compatible co réxime de especial protección.
Desde a asociación veciñal aseguran que a protección forestal é incompatible coa urbanización, que é o que realmente se autorizou, dada a magnitude do proxecto. Ademais, o art.37 da Lei do Solo prohibe a apertura de camiños, o cal non só se fai co proxecto aprobado, senón que ademais faise un aparcamento de 5.500 m2 para un número indeterminado de vehículos e tamén se apertura un “carreiro de mantemento” de 3.400 m2 segundo a propia memoria.