
O próximo 23 de Febreiro, o concello de Ribadavia vivirá unha moción de censura que vai desaloxar do poder ao PP encabezado polo alcalde César Fernández. Resulta asombroso como os populares ourensáns, tan afeccionados a confeccionar curiosas aritméticas para artellar mocións de censura ao seu favor en distintas localidades de Ourense, láianse agora de que unha ampla maioría, como a que ten a esquerda nesta vila, por fin se poña de acordo en gobernar. En Ribadavia o PP é a forza máis votada, con 5 actas, pero as 4 do PSOE as 3 de Ribeiro en Común e a que ten o BNG amosan con claridade que permitir que goberne o PP nesa vila é un erro estratosférico, e contrario ao sentir maioritario da veciñanza de Ribadavia. O novo goberno vai estar formado por catro membros do PSOE e polos 3 de Ribeiro en Común, pois o BNG non considerou oportuno integrarse nel. A socialista Noelia Rodríguez será a nova alcaldesa ,e Ribeiro en común terá a tenencia de alcaldía e serán tamén os voceiros do goberno. Esta última responsabilidade será exercida por Brais Fidalgo. O noso interlocutor é un mozo licenciado en políticas cunha ampla traxectoria no espazo político das confluencias do nacionalismo galego de Anova irmandade nacionalista, formación na que desempeñou un papel moi relevante, coa esquerda española. Brais é un vello amigo desta casa, dese os tempos de algo que, hai bastantes anos, se chamou MESA DE CANGAS, que agardo que el recorde con cariño, que é o sentimento que me inspira a min. Desde logo que foi un pracer volver conversar con Brais despois de tanto tempo
BRAIS FIDALGO, DE RIBEIRO EN COMÚN
“RIBADAVIA TEN MOITOS PROBLEMAS, PERO NON É ACEPTABLE QUE HAXA XENTE QUE NON POIDA ATENDER AS SÚAS NECESIDADES BÁSICAS. E O NOSO GOBERNO DIRIXIRÁ OS SEUS ESFORZOS DE MANEIRA PRIORITARIA A QUEN PEOR O PASA”
Cales son os obxectivos do novo goberno que ides conformar Ribeiro En Común xunto co PSOE?, e por que agora a moción de censura?
Ben, conformamos un goberno de maioría absoluta cunha vontade nidia de exercer unha política de esquerdas e transformadora, que se baseará nun programa de goberno amplo, moi traballado e con moita densidade política. No que respecta á segunda parte da pregunta dicirche que xa non era posible agardar máis. Toda, absolutamente toda, a xestión do alcalde do PP ao longo do ano 2.020, merece toda, absolutamente toda, a censura de Ribeiro en Común. Cando en marzo do 2.020 comezou o confinamento, nós puxémonos a carón do goberno. Ofrecemos colaboración leal para saírmos da mellor maneira posible da situación. E por desgraza a súa reacción foi nefasta.
Por que?
Optaron polo camiño da unilateralidade e a confrontación. Facendo caso omiso de calquera proposta Eu creo que o que colmou o vaso foi cando no último cribado atopámonos ao alcalde coa listaxe do sergas na man
Que me dis¡¡
Así como cho digo. Foi impactante ata para votantes seus
En Ribadavia o PP ten 5 actas, o Psoe 4, Vós 3 e o Bng 1, Por que non se chegou a un acordo de goberno xa no 2.019?
Nós naquel momento amosamos unha posición moi clara, sen ningún tipo de tacticismo. Nós significámonos no seu momento por un goberno de cambio, e cambio significa cambio. En calquera caso para min, o pasado é só iso, pasado. O acordo chega agora, e benvido sexa.
E o BNG?
Ten as portas abertas para cando queira
Convidástelos a entrar?
Si, claro
Por que non aceptaron?
Esa pregunta teríana que responder eles, en calquera caso insisto en que teñan as portas abertas.
O programa de goberno que mencionas é realista?
Si, é moi pragmático. Sinala con claridade as urxencias máis necesarias da nosa localidade. E para abordalas precisamos aprobar o antes posible un orzamento para o ano presente
Cales son esas urxencias?
Atender de contado as necesidades de quen peor o pasa. Esta crise sanitaria orixina unha crise social sen precedentes, e é necesario pór os recursos de todas as administracións, incluída a municipal, ao servizo de quen máis o necesita.
Alén do combate contra a crise, cales son os parámetros políticos máis significativos cos que pretendedes encarar os dous anos que quedan para rematar o mandato?
Como antes che dixen o contexto COVID debe de ter prioridade absoluta. Ribadavia ten moitos retos e non poucas necesidades. A nós gustaríannos afrontalos todos e cada un, claro que si , pero o prioritario é atender as necesidades básicas de quen teña dificultades para cubrilas. Temos a intención de reforzar o SAF, reforzar a partida do asilo. Nós somos unha vila do interior de Galiza, con todo o que iso significa, e increiblemente o Concello non ten unha partida para atender o asilo. Temos tamén a intención de reforzar substancialmente as axudas a autónom@s e hostalair@s, algo ao que o alcalde actual fíxolle tamén caso omiso. A todos nos gustaría facer moitas obras, pero non pode ser que esteamos inaugurando obras e haxa persoas que non poden comer.
Vexo que a liña da actuación do PP de Ribadavia non é diferente ao modus operandi liberal de “sálvese quen poida”?
Iso a min indígname. As axudas da Xunta chegaron tarde e mal. E foron absolutamente rañicas. Toda a publicidade institucional acerca da suposta cobertura da Xunta á hostaleir@s , autónom@s e pemes afectadas pola crise, non é máis que propaganda.
Véxoche moi ilusionado Brais ?
Non te equivocas. Estou enormemente animado. Somos un colectivo veciñal que comezou de maneira moi humilde, e agora considero que temos unha implantación sólida na sociedade e entendo que temos capacidade e gañas para mudar a vida das persoas a mellor
Remato Brais, aínda que esta entrevista é para falar da moción de Ribadavia, non me resisto a preguntarche polo teu espazo político que nas últimas eleccións autonómicas representou Galicia en Común. Despois do desastre nese proceso electoral, hai aínda futuro político?
Eu sigo crendo que si. Tivemos erros moi graves claro que si, fundamentalmente referentes a no sabermos convivir, e é algo que non se pode repetir. Haberá que ver como se desenvolven os acontecementos e seguir traballando, porque no que a min respecta eu estou convencido do enorme potencial que existe no municipalismo galego, que debe exercer de motor de cambio.