Morre Pepe Pei, eterno xornalista superlativo

Morre Pepe Pei, eterno xornalista superlativo

A finais do ano pasado o xefe do estado español entregaba un premio de xornalismo a un profesional claramente situado nas posicións ideolóxicas da dereita española. É, por descontado, moi lícito que cada un se sitúe nas posicións que estime oportunas, e desde logo que é absolutamente lexítimo que desde o poder se premie a quen libre e voluntariamente decide pórse de lado do poder, e defender aos poderosos. Pero o que resulta censurable, por falaz e por ser unha apropiación indebida de valores dos que carece nin quen entrega o premio nin o premiado, é o suposto argumento que trata de xustificar o galardón “….es todo lo incómodo que puede resultar un periodista no alineado, neutral y de espíritu crítico” dicía o Rei de España sobre o xornalista premiado. Pois non, nin é incómodo, nin é non aliñado, nin é neutral nin é crítico”, senón todo o contrario de todos os adxectivos que lle son atribuídos. Esas virtudes si as tiña, e en grado superlativo o xornalista Pepe Rei, falecido o pasado día 9 deste mes de marzo. E abofé que tivo que pagar un prezo moi duro pola súa integridade moral, pola súa incansable procura de verdade e por ser un xornalista con maiúsculas. El era galego, naceu en 1.947 na comarca do Ribeiro, no Concello de Cenlle. Estivo en distintos medios de comunicación ao longo do estado ata que chega ao seu país de adopción, Euskadi. Alí, nos anos 90 incorpórase ao xornal Egin do que foi redactor xefe e impulsor do seu equipo de investigación. No ano 1.994 foi detido acusado de proporcionar información a ETA. Foi absolto en 1.997.Em 1.999 a xustiza española pecha cautelarmente o seu xornal e Pepe Rei é detido de novo. No ano 2.001 é posto en liberdade e un ano despois sofre un grave accidente de tráfico que lle ocasiona problemas diversos que finalmente acabaron coa súa vida este mes de marzo.

Entre a súa inxente labor de investigación destacan as súas denuncias sobre as supostas prácticas que se daban no interior do cuartel de Intxaurrondo. Alén de articulista , Pepe Rei, foi tamén autor de varios libros como por exemplo “La red Galindo” , “La cloaca vasca “ “Alcalá-20-N” ou “El Jesuita”.Que a terra lle sexa leve a Pepe Rei, e que o seu traballo sexa semente para que algún día, algún xefe de estado premie a xornalistas críticos, neutrais , non aliñados e incómodos de verdade.