O Concello realizará un estudo para poñer en funcionamento o mercado de San Miguel

A iniciativa, aprobada este xoves en pleno, busca recuperar o seu uso adaptándoo a realidade actual contando coa veciñanza

O Rosal, 26 de marzo de 2021

O pleno do Concello do Rosal aprobou este xoves en pleno a realización dun estudo para a posta en marcha de novo do mercado de San Miguel, que tras a reforma feita hai uns anos continúa sen actividade algunha e en total desuso. Para esta reactivación, o Concello realizará un estudo de campo e de viabilidade sobre as utilidades deste mercado “situado nunha contorna moi particular e que merece recuperar a actividade que tivo hai tempo adaptándoa á realidade actual e ás necesidades da veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Para coñecer cal é a orientación adecuada para a praza de San Miguel realizarase unha diagnose da situación e dos usos na que se terá en conta tanto o estado actual da edificación, dos equipamentos e dos servizos dos que dispoñe como da percepción e opinión sobre o mercado dos propios rosaleiros e rosaleiras e das persoas interesadas en ter un posto e desenvolver a súa actividade comercial nel.

Por outra banda, tamén se establecerá unha estratexia de optimización e redimensionamento dos usos do mercado e se realizará unha análise de posibles actuacións de innovación a efectuar nas instalacións.