IV Gala de entrega de premios A Nova Peneira

Gala 2017 A Nova Peneira

En xaneiro do ano 2.015 fixemos a nosa primeira gala de entrega de premios. A nosa intención inicial era recoñecer a fidelidade dos nosos mellores anunciantes, así como premiar a persoas ou colectivos cuxa labor e esforzo contribuíran ao ben común. O seu resultado, tanto no que se refire a asistencia de convidados e convidadas como na repercusión que tivo, superou as previsións máis optimistas de todas as persoas que dalgún modo tivemos algo que ver na súa organización. Xa que logo decidimos regularizar as nosas galas de maneira bienal. E así fixemos a II edición en xaneiro de 2.017 e a III en xaneiro do ano 2.019.No primeiro mes deste ano tiñamos previsto celebrarmos a IV gala de entrega de premios A Nova Peneira, pero as circunstancias pandémicas que estamos a vivir fixérono imposible e non quedou outra que adiala. Todo parece indicar que a vacinación masiva da poboación situounos , por fin, no camiño de irmos esquecendo este episodio terrible na recente historia da humanidade. Agardo que sexa así, e que ningunha negra circunstancia inesperada faga que haxa que dar significativos pasos atrás no camiño.

E, se é como parece, en xaneiro do ano 2.022, un ano despois do previsto, no restaurante Manolo do Porriño volveremos a xuntarnos 150 persoas, amigas e amigos de A Nova Peneira, para brindar pola vida ,recoñecer a amabilidade e fidelidade dos nosos anunciantes, sangue que fai latexar o noso corazón azul branco e de estrela vermella, e amosar a inmensa profundidade oceánica das calidades intelectuais e morais do colaborador que sexa premiado, da colaboradora que sexa premiada, e de quen reciba os dous Premios máis emotivos:

-Toda unha vida no compromiso social

-Bo/a e xeneroso/a

Non vai ser doado manter o nivel das persoas premiadas nas galas anteriores: Elvira Souto, Camilo Nogueira, Suso Seixo, O colectivo de pensionistas da CIG……..Porén, teño a certeza de que, unha vez máis, as novas persoas premiadas , que xa temos elixidas sen elas sabelo, recibirán o consenso unánime de quen teña a bondade de acompañarnos no día máis especial para nós. No Porriño en xaneiro do ano próximo toca ,por fin, mergullarse na calidez e a tenrura das apertas e o contacto físico. Alí manifestaremos unha vez máis a nosa toma de partido, de partido ata mancharnos , ata enlamarnos no máis profundo da alma, porque A Nova Peneira é unha empresa que ten que permitir que todas as persoas que nela traballamos poidamos gañar a vida con dignidade, pero non é só iso. Non quero que sexa, non pode ser só iso e mentres eu estea nela non vai ser nunca só iso. É un proxecto construído arredor dun corpus ideolóxico e duns principios morais. E non se pode estar aquí sen tomar partido ,partido ata mancharse polo feminismo, polo ben común, pola nación galega, polo idioma galego, pola clase traballadora, pola xustiza social, polo ecoloxismo, pola solidariedade internacionalista, pola liberdade de todos os pobos asoballados do mundo, e pola memoria histórica.