“Na súa obsesión, a alcaldesa levouse por diante a tres concelleir@s de Urbanismo e arrastrou ao presidente da Xunta a unha inauguración escandalosa”
“Non descartamos nada, entre outras cousas instar á Fiscalía que actúe”
“O soño do que falaba Mouriño vai camiño de converterse no seu peor pesadelo”
A voceira e secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Mos, Victoria Alonso, esixe a dimisión inmediata da alcaldesa, Nidia Arévalo, trala sentencia do Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra que ordena a revisión de oficio da licencia para construír os campos de fútbol do Celta e que anula de plano a licencia para a construción dos vestiarios e as instalacións técnicas. “A alcaldesa de Mos avergoña e mancha o nome deste concello e o único que pode facer, despois de ter perpetrado a maior ilegalidade urbanística da historia recente de Galicia, é marchar antes de que teña que facelo por obriga legal”, afirmou.
Victoria Alonso considera que a sentencia sobre as dúas “licencias exprés” concedidas en 2018, “é unha crónica xudicial anunciada”, tal e como viñan vaticinando xa dende o mandato pasado o grupo socialista e a comunidade de montes de Tameiga. A voceira socialista non descarta acudir á Fiscalía para que impulse un procedemento penal contra Arévalo e, ademais, está a preparar unha denuncia pola afección dos campos de fútbol e vestiarios aos sistemas de abastecemento de auga veciñal.
Recalca que a “inauguración pantasma” (a porta pechada) celebrada o pasado día 28 de novembro de 2020, estivo tristemente encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, “que foi involucrado nun asunto moi feo, xunto co presidente do Parlamento galego e o conselleiro de Medio Rural, que terían que terse coidado de non facerse aquela foto, que se entón era unha foto vergoñenta, hoxe é unha foto escandalosa”. Naquel acto Feijoo falaba de promocionar o “patrimonio deportivo”, “pero o único patrimonio afectado foi o arqueolóxico, arrasado coa connivencia do Concello e da propia Xunta”. Victoria Alonso tamén lembra que as declaracións de Carlos Mouriño, presidente do Celta, naquel acto, nas que aseguraba que o proxecto é “un soño”, “vai camiño de converterse no seu peor pesadelo”.
Victoria Alonso recalca que o Concello de Mos organizou “con total desvergoña” varios actos nas instalacións irregulares do Celta, o último deles a presentación da Volta Ciclista, e a alcaldesa chegou a dicir, cando foi recriminada por elo, que estaba “orgullosa”. Máis aínda presumiu reiteradamente de poñelas “a disposición da veciñanza, cando xa hai unha sentencia que di que son ilegais”. “Mil e unha veces lle dixemos a alcaldesa que esa obra era inmensa e que tiña un gran impacto urbanístico, social e ambiental, polo que non se podía sacar adiante con dúas licenciñas directas outorgadas pola Xunta de Goberno Local e o Xulgado deunos a razón, porque é unha obra de gran magnitude que debe ampararse cun planeamento urbanístico específico previo e, por tanto, debe pasar polo Pleno e someterse a todo tipo de informes sectoriais”, recalcou a voceira socialista.
“A lectura da sentencia provócanos unha mestura de satisfacción, porque se nos dá a razón en algo evidente e que vimos denunciando dende o principio, pero tamén de moita rabia, porque o dano xa está feito con premeditación e alevosía”.