Logo de seren recibidos no consistorio, amosáronselle intervencións realizadas en varios puntos do municipio como o núcleo de Goián ou a entrada a Estás, entre outros
Tomiño, 30 de setembro de 2021
O Concello de Tomiño participa un ano máis no programa Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes. Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), tres membros do xurado visitaron este mércores a vila tomiñesa para coñecer os avances do municipio en materia medioambiental e paisaxística.
Acompañados polos concelleiros de Obras, Alexandre Pérez, e de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, ademais de polo técnico municipal da Eurocidade, Xabier Macías, a visita comezou cunha reunión no consistorio municipal, onde se comentaron as intervencións e os cambios realizados no municipio durante o último ano. As zonas verdes dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián ascenden a 56.576 m2 de superficie, un 28% de aumento con respecto ao ano anterior.
A primeira parada foi a plantación realizada no espazo anexo ao Centro de Servizos Sociais, unha área na que se levou a cabo a plantación de 15 novas árbores (3 carballos, 3 abeleiras, 3 loureiros, 3 érbedos e 3 nogueiras) no marco da participación no programa “Unha árbore por Europa”, e que contou coa participación do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, “Voces Novas”. Nese mesmo espazo plantáranse tamén outros 48 carballos e 4 castiñeiros.
O seguinte espazo visitado foi a estrada de entrada á parroquia de Estás, unha área recentemente intervida na que se priorizou o uso peonil do espazo público, aumentando a seguridade viaria e establecendo un tramo de plataforma única nas inmediacións da escola infantil. Neste senso, destaca especialmente a creación dun espazo público de calidade no que a mellora paisaxística é un aspecto fundamental, coa plantación de case 40 novas árbores (17 Acer Japonicum, 20 Lagerstroemias e 2 Acer Globosum).
No traxecto tamén se aproveitou para apreciar as intervencións de ornamentación realizadas en algunhas das rotondas como a situada no inicio da Avenida República Arxentina, na estrada PO-552 á altura do coñecido como cruce do empalme ou na situada en Goián no inicio da vía de altas capacidades. O deseño paisaxístico das mesmas estivo a cargo da paisaxista Sinda Dávila e no que serán empregadas árbores e ornamentación provinte dos viveiros locais, procurando deste xeito poñer en valor este importante sector do municipio e contribuíndo á economía circular e de proximidade.
A última intervención visitada foi a realizada no núcleo urbano de Goián, un proxecto no que destacou especialmente o gran aumento do espazo público de preferencia peonil, que pasou de 7.150 a 43.800 metros cadrados, e no cal é fundamental a creación de zonas e espazos verdes, con 118 novas árbores introducidas e a recuperación dunha carballeira de 7.000 m2 para o desfrute da veciñanza. Asemade, na intervención tamén destaca a ampliación do recinto do colexio Pintor Antonio Fernández, con máis de 1.500 m2 de zonas verdes e a creación de tres aparcadoiros municipais nos que se plantaron 50 carballos, entre outras actuacións.
Este será o terceiro ano no que o Concello de Tomiño participe no certame Vilas en Flor, un programa que pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a xestión sostible dos mesmos e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente. Nas edicións de 2019 e 2020 foi galardoado con dúas e tres Flores de Honra respectivamente.