Bombeiros forestais en loita

Bombeiros forestais Xoán Lois Carreira

O servizo de bombeiros forestais da Xunta está composto por unha serie de homes e mulleres con capacidade para a “maxia”, pois lamentablemente o goberno galego só lles permite traballar 6 meses ao ano, este ano fixérono de maio a novembro, e os outros 6 teñen que vivir do aire. O pasado 9 de novembro remataban os seus contratos e un día despois os bombeiros do distrito Vigo-Baixo Miño concentrábanse no Porriño, na súa sede central, demandando estabilidade laboral e unha política forestal diferente orientada non tanto á extinción senón á prevención. E a prevención ten que ser permanente, é de sentido común que non se pode facer só a metade do ano, pois no caso contrario nada impide que a estarrecedora vaga de lumes do ano 2.017 poida volver a acontecer en calquera momento. Nós falamos cun dos participantes na devandita concentración, Xan Lois Cabreira un bombeiro forestal de Nigrán

Xan Lois Cabreira

A política forestal adecuada non é traballar só medio ano na extinción, senón o ano enteiro na prevención”

Ti e eu coñecémonos desde hai moitos anos e sei que pasaches por moitas vicisitudes vitais que nada teñen que ver con este mundo. Como é que os camiños da vida te levaron a apagar lumes?

A verdade un nunca sabe as voltas que pode dar a vida. Eu estivera un tempo en EEUU e ao volver ao país estiven dous anos en Ponteareas estudando o ciclo superior de xestión forestal e conservación do medio. Nese momento coincidiu coa terrible vaga de lumes do ano 2.017.E alí comecei a comprender que o monte non arde porqué si, senón que hai unha serie de motivacións detrás.

E unha vez rematado o ciclo buscas traballo claro?

Si, e no ano 2.019 supero un proceso de selección da Xunta que, nunha convocatoria aberta , crea unha serie de prazas cun compromiso de contratación de tres anos a modo de fixos descontinuos , dándonos traballo 5 meses no ano 19 e 6 nos anos 20 e 21.

A que distrito estás adscrito ti?

Ao de Vigo-Baixo Miño. Comprende todos os concellos das comarcas de Redondela, Val Miñor , Baixo Miño, A Louriña e o concello de Vigo claro. A sede central do distrito está no Porriño. E logo hai distintas bases, pero é algo pouco estable. Por exemplo eu o primeiro ano estiven en Mougas e os dous últimos en Goián.

Que vai pasar con vós no 2.022?

Non o sabemos. Por conversas informais e polos ruxe ruxes que nos chegan cremos que imos poder contar con outros 6 meses de traballo. Pero non cho podo dicir, pois non temos constatación algunha nin de que sexa así, nin do contrario.

Este último ano en que período traballastes?

Desde o 9 de maio ata o 9 de novembro

En que condicións traballastes nese ½ ano?

Nas mesmas tipificadas para un bombeiro forestal da Xunta. A ese nivel estamos en igualdade de condicións

Tiñades medios suficientes e adecuados para desenvolver o voso traballo?

Si, a verdade é que nese tema melloramos moito

E no que respecta aos medios humanos tamén tiñades os suficientes e adecuados?

Non, nese caso non. Por exemplo as prazas vacantes non se cubrían. Así pois a nosa brigada estivo formada todo o verán por 3 persoas, cando deberiamos ser 4

Por que?

Pois porque un home tivo que deixalo temporalmente e o seu posto non se substituíu

Nalgunha ocasión atopácheste con algunha situación de risco para a túa integridade persoal por non existir o número adecuado de efectivos humanos para desenvolver o voso traballo?

Eu só levo tres anos neste mundo. E na miña experiencia propia tocoume convivir con veráns anormalmente mornos, incluso con máis días chuviosos do habitual. E os lumes cos que me tiven que enfrontar eran escasos e facilmente manexables.

Como é a vosa dinámica de traballo?

Nós temos meses que denominamos de alto e de baixo risco en función das probabilidades de que haxa lumes. Cando estamos en alto risco traballamos 8 horas e cando o risco é , en aparencia, baixo facemos prevención e estamos 7.Temos tres quendas de traballo. Cando comezo vou á miña base de Goián e alí nos sitúan a todas as cuadrillas dispoñibles por distintos espazos físicos en función do risco de incendio que puidese existir

Cantas persoas ten cada cuadrilla?

En teoría somos 4.Un xefe de brigada, 2 peóns e 1 peón condutor.

Todos homes?

Hai algunha muller, en concreto na miña cuadrilla hai 1, pero moi poucas. Este segue a ser un sector profundamente masculinizado

Vós cando acabades os 6 meses de traballo pasades ao desemprego pero non cobrades prestación, non?

Un ano si e outro non

Como é iso?

Pois despois de dous anos naturais nos que só traballamos un, seis meses de cada ano, xuntas o ano natural traballado e cobras 4 meses de prestación

É dicir, vós nun ano cobrades 6 meses e os outros 6 vivides do aire, e no seguinte cobrades 10 meses, 6 do traballo e 4 do desemprego e os outros 2 vivides do aire?

Efectivamente , así é. Cada dous anos cobramos 16 meses e estamos 8 a velas vir. A situación é moi delicada. Este ano a modo excepcional o goberno do estado vainos dar 3 meses de prestación. Benvidos sexan claro, pero é algo claramente insuficiente e que ven do goberno do estado porque a sensibilidade da Xunta é inexistente. Todos temos facturas que atender todo o ano, non a metade do ano, gastos , hipotecas, familias… e a verdade a metade do ano que non nos deixan traballar a situación é dificilísima.

Ao final deste período de traballo fixestes unha serie de accións de protesta. Cóntasnolas?

Xa o ano pasado fixemos unha recollida de sinaturas no corpo de bombeiros de todo o país galego na que pediamos ampliar o noso traballo ao ano enteiro.

Que tal foi a resposta dos compañeiros?

Asinaron ao redor do 40% .Tendo en conta que as peticións foron na súa maior parte telemáticas polo contexto COVID non estivo tan mal. Mandamos as sinaturas á Xunta e pedimos unha xuntanza co conselleiro do medio rural

Que vos respondeu?

Non nos fixo caso.

E non vos destes por vencidos verdade?

Pois non, fixemos un manifesto redactado en base a dous eixos; un de reivindicación laboral e outro na que pediamos unha política medioambiental diferente. Nese manifesto pedimos a sinatura de xente socialmente relevante como Manuel Rivas, Ses, Milladoiro, Salustiano Mato ex futbolistas do Celta, como Otero ou Nacho….Case un cento de personalidades .A verdade o manifesto tivo bastante repercusión e este ano decidímonos a dar un paso máis

Cal foi?

Organizamos unha concentración fronte a sede do distrito forestal no Porriño e alí limos un comunicado no que reclamamos estabilidade laboral e un cambio nas políticas forestais do servizo de extinción. O día 9 de novembro botáronnos fóra do servizo e a concentración fixémola o día 10. A acción foi de todo o distrito

Que repercusión tivo a convocatoria nos teus compañeiros e compañeiras?

Moi alta. Quixera agradecer a Ses a súa axuda, pois nun concerto ,que fixo en Baiona uns días antes, expresou a súa solidariedade con nós .E é destas cousas que deixan pegada

Recibistes algunha resposta da Xunta?

Non

Na Peneira de Novembro falaba co alcalde de As Neves ao respecto da terrible vaga de lumes do 2.017, que foi especialmente cruenta no seu pobo, e comentábame que as condicións que propiciaron unha situación tan terrible en modo algún desapareceron. E que non hai nada que impida que un suceso tan horrible poida volver a acontecer. Ti opinas o mesmo?

Por desgraza non me queda máis remedio que darlle a razón a ese alcalde. Ademais teño que dicir que a situación está peor que nese momento. Hai máis máis biomasa ca nunca e se ven unha vaga de lumes como a daquel ano a situación vaise repetir. E que se non se fai unha política de prevención seria cambiando a fisionomía de moitos espazos a carón das aldeas, e unha tolemia que a 300 metros dun grupo de casas haxa un eucaliptal, tardará máis ou menos , non o sei, pero volveremos a vivir episodios análogos ao do 2.017.O adecuado non é a existencia dun servizo de extinción a metade do ano, debería de ser traballar todo o ano para previr na medida do posible que no verán veñan os lumes.