O Concello de Nigrán ofrece terapia canina durante todo este ano ao alumnado do Centro Juan María

O Concello de Nigrán ofrece terapia canina durante todo este ano ao alumnado do Centro Juan María

Destina 11.880 € para que todo o alumnado continúe recibindo sesións tras autofinanciarse o curso pasado coa venda de almanaques solidarios

O programa desenvóvese semanalmente a través de 4 especialistas e os seus respectivos cans como complemento ás diferentes accións educativas que se estean a levar a cabo no centro

Nigrán, 27.01.22.

O Concello de Nigrán volve a financiar con 11.880 € a terapia canina do Centro de Educación Especial Juan María (Parada) durante todo este ano, así o confirmou onte o propio o alcalde nunha visita para coñecer de preto esta metodoloxía con beneficios científicos contrastados. Deste xeito, o alumnado continuará recibindo estas sesións que estrearon este ano coa empresa especializada Yaracan tras autofinanciarse coa venda de almanaques solidarios.

“Estamos moi agradecidos a todas as persoas que mercaron ese almanaque porque permitiron levar adiante este proxecto marabilloso que, agora, continuaremos da man do Concello de Nigrán”, sinala Alberto González desde a dirección do Centro. Así, igual que no ano 2021, neste 2022 a totalidade dos 35 alumnos seguirán a participar no programa complementario de educación asistida un día á semana en horario lectivo e en sesións individuais ou en aula atendendo ás necesidades concretas de apoio educativo; a terapia desenvolverase con catro cans e os seus respectivos técnicos especialistas.

“Desde a dirección do centro pedíronnos este apoio e no Concello de Nigrán non dubidanos que o queremos ofrecer como parte da nosa política de ‘Un Nigrán para todos’, estamos encantados de sumar”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Desde a propia empresa especialista e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual. O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do CEE Juan María.