Myanmar, camiño do estado fallido

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xurxo Agra. Especialista en política internacional

O pasado 1 de febreiro cumpriuse un ano desde o golpe de Estado do exército de Myanmar. Xustificándose na suposta fraude nas eleccións de novembro de 2020, que deran unha contundente vitoria á LND de Suu Kyi, o Tatmadaw puxo fin ao experimento semidemocrático iniciado en 2011.

En xullo, a Comisión Electoral da Unión de Myanmar anula finalmente os resultados, repetindo o acontecido en 1990, cando os militares non respectaran os resultados dunhas eleccións gañadas amplamente pola LND.

O golpe de estado prodúcese para protexer os intereses militares e apartar a Suu Kyi da política, pois a LND xa deixara claro na anterior lexislatura que tiña o propósito de reducir o enorme poder político e económico do Tatmadaw.

A actuación do exército desencadenou unha enorme resistencia popular e unha firme condena internacional. Centos de milleiros de persoas rebeláronse pacificamente contra o golpe en todo o país, con multitudinarias protestas públicas e a constitución do Movemento de Desobediencia Civil.

Durante o mes de febreiro a actuación do exército e forzas de seguridade foi moi comedido, mais a partir de marzo a represión esténdese, contabilizándose a día de hoxe preto de 1.500 mortes e case 12.000 detencións, segundo os datos da Asociación para a Asistencia de Presos Políticos. Amais, numerosas persoas víronse obrigadas a agocharse ou fuxir.

No medio da axitación nacional, a guerra xeralízase e esténdese con rapidez. Os enfrontamentos entre o exército e grupos étnicos armados recrudécense nos estados de Kachin, Shan, Kayin, Kayah e Chin, e o Tatmadaw ten que facer fronte a grupos armados de resistencia, as Forzas de Defensa do Pobo, que xorden como consecuencia da brutal represión do exército. Algúns grupos armados das minorías étnicas ofreceron apoio ás forzas antigolpistas.

As guerras civís, até agora localizadas principalmente nas rexións fronteirizas das minorías étnicas, esténdense agora por todo o país e ás zonas urbanas, e o exército ten que facer fronte agora á resistencia en zonas do país da maioría étnica bamar, zonas que antes eran pacíficas (Sagaing, Magway, Bago e Mandalay).

O Tatmadaw, ben coñecido pola súa brutalidade, conta cuns 400.000 efectivos armados, sendo o segundo exército máis grande do sudeste asiático, despois de Vietnam, e o undécimo exército profesional do mundo.

A poboación local é aterrorizada con ataques aéreos en zonas residenciais e incursións terrestres, redadas, tortura, detencións, asasinatos, violencia sexual, utilización de civís como escudos humanos, saqueo do gando e alimentos, traballos forzados, realoxamento forzoso…, para así cortar as bases de apoio á insurxencia (financiación, alimentos, información e reclutamento), na famosa estratexia dos “Catro cortes”, empregada durante décadas polo Tatmadaw para combater os exércitos das minorías étnicas.

As atrocidades cometidas polo exército provocaron o aumento do número de persoas desprazadas e refuxiadas. Desde o golpe de estado producíronse 230.000 desprazados, segundo a Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, que se unen ás máis de 500.000 persoas desprazadas internas vítimas de décadas de conflito entre o Tatmadaw e os exércitos das minorías étnicas rexistradas a finais de 2020.