En Tomiño as compras de Nadal teñen premio

Concello de Tomiño A Nova Peneira

O Concello pon en marcha unha nova edición da campaña ‘Nadal + Nadal’, con galardóns para clientela e comercios locais

Os establecementos interesados en participar poden inscribirse dende este luns 21 ata o vindeiro 30 de novembro

Tomiño, 21 de novembro de 2022.

O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta por dinamizar o comercio local, especialmente cando se achega unha das épocas máis importantes do ano a nivel de vendas. O Goberno municipal acaba de lanzar unha nova edición de ‘Nadal + Nadal. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre’, unha campaña coa que se busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que realizan as súas compras no propio municipio.

“Queremos apoiar ás nosas e nosos comerciantes, pero tamén a toda a veciñanza. O grande éxito das dúas edicións anteriores demostra que iniciativas coma esta son un grande aliciente que nos permite dar pulo ao noso comercio e fomentar as compras nos locais que temos ao lado da casa”, explica a alcaldesa, Sandra González, que salienta que a campaña “permite dar continuidade ás accións de apoio á economía local que desenvolve o Concello ao longo de todo o ano”.

Os comercios interesados en participar na campaña poden xa inscribirse dende hoxe mesmo ata o vindeiro 30 de novembro a través da sede electrónica da web do Concello. Como recollen as bases, poderán participar todos os establecementos locais agás aqueles que desenvolvan a súa actividade nos mercados municipais e comercios de primeira necesidade como panaderías, carnicerías, peixarías, farmacias ou supermercados pertencentes a grandes cadeas, aínda que si poderán formar parte da campaña pequenas tendas de alimentación de ámbito local.

Pola súa banda, dende o 9 ao 27 de decembro os usuarios e usuarias disporán dunha urna en cada un destes locais onde depositar tíckets de compra por un valor de entre 20 e 100 euros xunto cos seus datos persoais. Será o propio 27 de decembro cando se abran as urnas no salón de plenos do Concello ás 20.30 horas e se proceda ao sorteo de vales de compra polo dobre do valor de cada un dos recibos gañadores. Extraeranse os tíckets necesarios ata que a suma de todos eles sexa igual ou inferior a 1.500 euros, polo que durante esta campaña entregarase aos gañadores ou gañadoras vales de compra por un valor total de ata 3.000 euros.

Por outro lado, coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atractivo este Nadal en todos os establecementos tomiñeses, ao participar nesta campaña do 9 de decembro ata o 6 de xaneiro os comercios deberán decorar os seus escaparates ou locais con elementos naturais e reciclados de base acompañados da decoración de Nadal. Deste xeito pasarán a formar parte do concurso ‘Ruta Nadal + Nadal’, unha iniciativa que premiará a decoración más orixinal nas modalidade de mellor escaparate e mellor local, que suporá un premio en metálico de 500 euros a aqueles comercios que acaden o primeiro posto e 250€ ao segundo.

Dende o Concello, conscientes de que son moitos os establecementos participantes nesta campaña que están a facer un grande esforzo por mellorar as súas decoracións ano a ano, estableceuse que nesta edición non se premiarán aqueles locais ou escaparates que lograron algún galardón nas edicións de 2020 e 2021. Os gañadores serán escollidos por un xurado composto por dous representantes do comercio local, un representante do Concello de Tomiño e tres artistas locais. O veredicto coñecerase o 27 de decembro ás 21.30 h.