O PSOE guardés critica a falta de previsión e a xestión deficiente do goberno local na reforma da piscina municipal

Concello da Guarda

O grupo municipal do PSdeG-PSOE da Guarda manifesta a súa profunda preocupación pola situación actual da reforma da piscina municipal, logo de que non se presentara ningunha empresa á licitación da obra.

Desde o grupo socialista afirman que esta situación é consecuencia directa da falta de planificación do equipo de goberno encabezado por Roberto A. Carrero, que demorou case dous anos en tomarse en serio esta relevante actuación, algo que agora obrigou a acurtar todos os prazos de maneira imprudente.

O procedemento de licitación lanzouse con tan só 20 días naturais de prazo para que as empresas presentasen ofertas, cando os procesos en obras desta envergadura adoitan permanecer abertos entre 30 e 45 días para permitir ás empresas valorar custos, estudar o proxecto, pedir ofertas a provedores e preparar a documentación esixida. Esta falta de marxe limitou enormemente a capacidade de participación.

Ademais, o Concello esixía que a obra estivese rematada antes do 31 de marzo de 2026, data límite para non perder a subvención europea, establecendo uns prazos de execución moi difíciles de asumir para as empresas sen risco de sancións económicas.

“A situación na que estamos non é produto da mala sorte de Carrero. É consecuencia directa da súa mala xestión e dunha falta absoluta de previsión. Non é que non teñan proxectos propios: é que non son capaces nin de xestionar o que se lles deixou encamiñado”, sinalan os/as socialistas.

Resulta especialmente grave que, no pleno extraordinario do día 28 de abril, no que se declarou deserta a licitación, o goberno local recoñecera abertamente que aínda non falara con empresas para coñecer as razóns da falta de participación, nin tivera decidido que opción seguir para intentar salvar o proxecto.

É dicir, a estas alturas, seguen sen plan definido, con risco real de perder o millón e medio de euros se non lles conceden unha prórroga, e a expensas de que, en caso de producirse unha avaría grave, o servizo poda peligrar.

Desde o PSdeG-PSOE da Guarda reiteran a súa disposición a colaborar para evitar males maiores, pero reclaman ao goberno local que actúe dunha vez con seriedade, axilidade e responsabilidade, e que deixe de escudarse en escusas para ocultar a súa inacción.