O BNG condena a falla de explicacións do Goberno de Abel Caballero no Pleno polas mortes en VigoZoo

Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista cualifica de “insultante” a resposta da concelleira de Medio Ambiente e volve esixir que achegue os informes sobre os falecementos de 13 animais desde 2020

Xabier P. Igrexas: “Non podemos soportar máis que a nefasta xestión do Goberno municipal teña convertido o cárcere que é VigoZoo nun tanatorio de animais”

VIGO, 29 de marzo 2023.

O Bloque Nacionalista Galego condena a falla de explicacións do Goberno de Abel Caballero polas mortes en VigoZoo, durante a sesión do Pleno municipal celebrada este mércores. A fronte nacionalista cualifica de “insultante” a resposta da concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, e volve esixir que achegue os informes sobre os falecementos de 13 animais desde 2020 solicitados hai tres semanas.

Así, o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, formulou unha emenda á moción popular sobre VigoZoo para reclamar a reprobación da edil de Medio Ambiente, que foi rexeitada polos votos do grupo municipal socialista. “Non podemos soportar máis que a nefasta xestión e o abandono do Goberno municipal teñan convertido o cárcere que é VigoZoo nun tanatorio de animais”, reprochou.

Igrexas insistiu na necesidade de poñer fin ao modelo “caduco e exhibicionista” do zoolóxico vigués para avanzar cara a estratexia ZooXXI para transformalo nun gran centro de conservación da fauna e de sensibilización ambiental. “O futuro de VigoZoo non pode ser un campamento nin un parque multiaventura como propoñen PP e PSOE”, defendeu.

Nese sentido, lembrou que o pasado decembro o Pleno municipal aprobou unha moción do BNG que declarou Vigo como cidade contraria de toda forma de maltrato animal. “A primeira responsabilidade do Concello é asegurar os coidados e as adecuadas condicións dos animais baixo custodia municipal en VigoZoo”, demandou o concelleiro nacionalista, que valorou de enorme gravidade que inda non se aclararan os motivos dos 13 falecementos.

O candidato do Bloque sinalou tamén á responsabilidade do Goberno galego por non ter tomado ningunha medida até o momento a pesar de contar con indicios de mortes por envelenamento, como evidencian os informes dos servizos de Patrimonio Natural da Xunta.