O voto que vale por tres

Manuel Sánchez Díaz, BNG Porriño
Manuel Sánchez Díaz

Levo días a escoitar, en diferentes e sesudas tertulias de barra de bar, o mantra de que nas eleccións do 23 de xullo, se non queremos que goberne a dereita, hai que votar por Pedro Sánchez ou por Yolanda Díaz, que calquera outra opción é tirar co voto e facilitar a entrada de Feijóo no goberno co apoio de Vox. Argumentos de cuñados, de esquerdas ou non, argumentos de cuñados son. Que non nos enganen, o sistema político no Reino de España non é presidencialista. Non escollemos presidente ou presidenta. O que escollemos o 23X as persoas censadas na Comunidade Autónoma de Galicia son as deputadas e deputados polas circunscricións de A Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra que nos van representar no Congreso e no Senado na vindeira lexislatura. Así de simple. Sánchez e Díaz non exercen o seu dereito ao sufraxio pasivo nas provincias da Galiza administrativa. Por muita presenza mediática que teñan, e por muito que apareza a foto da omnipresente ministra en todas as papeletas electorais (como ben dicía Castelao: “non vos riades, que o conto é triste”), a presidencia escóllese de forma indirecta. Son os deputados e deputadas electas por cada circunscrición as que deciden, a posteriori e co seu voto no Parlamento, quen dirixe o goberno.

Como o soberanismo galego organizado existe e tamén se presenta, apoiar as listas do BNG pode axudar a que eses votos galeguistas, feministas, ambientalistas e de esquerdas obteñan representación nas provincias galegas. Que se transformen en máis escanos para o proxecto colectivo que representa o BNG. Mesmo pode facer que a dereita teña menos peso se os escanos obtidos son a costa do PP. No caso de disputarlle as actas ás listas de PSOE e SUMAR, un pregúntase se alguén con xuízo pode pensar que as e os deputados do BNG van investir presidente a Feijóo. Ou se alguén pode afirmar sen ruborizarse que van estar en contra das políticas en beneficio das maiorías sociais que decida impulsar un hipotético goberno de PSOE e SUMAR. Ou se existe algunha dúbida sobre quen vai defender sen ataduras unha axenda galega no Parlamento. Votemos o que mellor consideremos, pero non nos fagamos trampas ao solitario con argumentos que non se sosteñen. As persoas demócratas e progresistas que queren impedir que a extrema dereita decida, as que non se resignan e queren vivir aquí con dignidade, protexendo o territorio, independentemente da bandeira que os represente ou do idioma que falen, teñen na Galiza un voto útil, o do BNG, que vale por 3. Porque defende os intereses galegos en Madrid, porque é un freo ao binomio Feijóo-Abascal e porque contribuirá a posicionar na esquerda un hipotético goberno de PSOE e SUMAR.

Se os votos do BNG son necesarios para conformar unha maioría progresista que sustente o goberno, máis recursos públicos vanse investir neste afastado recuncho atlántico. É o voto que lles doe aos que nos negan, aos que viven de dar de comer á aspiradora madrileña, aos que din defender a cohesión do estado pero priorizan sempre por interese electoral o eixo mediterráneo, con máis deputados e deputadas en xogo. Un BNG determinante en Madrid podería condicionar, postos a poñer un exemplo práctico, a eliminación da barreira artificiosa que representa a día de hoxe a vía do tren no Porriño. Arrincar o compromiso de ADIF para executar un soterramento ambicioso, que non se limite a suprimir o paso a nivel e sirva para comunicar o casco urbano co río Louro e con Torneiros. É unha cuestión de prioridades, de decidir onde se gastan os cartos públicos. Ou é que confiamos en que vai ser máis doado conseguir a eliminación da vía no Porriño sen a presenza dos deputados e deputadas do BNG en Madrid?

Manuel Sánchez Díaz: Comerciante e politólogo. Forma parte do Consello Local do BNG no Porriño.