MJ Pérez e Sofía Espiñeira levan “o seu compás” a Marín de man do programa da deputación “mulleres en acción. Violencia zero”

mulleres en acción. Violencia zero

A deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo, acudiu ao espectáculo musical no que as dúas artistas estiveron acompañadas da percusionista Ailén Kendelman

As artistas MJ Pérez e Sofía Espiñeira foron as protagonistas este xoves do espectáculo “Ao meu compás”, no que uniron as súas voces e música acompañadas da percusionista Ailén Kendelman. A fusión musical do estilo das dúas artistas estivo moi presente durante todo o concerto, no que lle deron voz a temas propios e alleos co seu propio estilo. O concerto, celebrado ao abeiro do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, tivo lugar na Alameda Rosalía de Castro e contou coa presenza da deputada provincial e alcaldesa de Marín María Ramallo.

A arzuá MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Iniciou o seu percorrido en 2014 e acumula xa máis de 200 concertos por toda Galicia e Portugal, tendo presenza en festivais e nos principais circuítos musicais da comunidade autónoma, ademais de catro albumes. A cantautora galega bebe de diferentes estilos, co predominio do pop-rock dos seus primeiros albumes e cun xiro cara sons máis latinos e música de raíz no seu último traballo. Pola súa banda, Sofía Espiñeira é unha creadora e artista multidisciplinar que leva unha década desenvolvendo a súa traxectoria arredor do circo, o teatro, a danza e a música. No eido musical, o seu proxecto persoal, que nace no 2016 tras resultar gañadora do II Certame de canción de autor do concello de Teo, basease en composicións orixinais con tonalidades de raíz e linguaxe propia que a levaron a ser xa, no 2022, finalista nos Premios Martin Códax da Música.

O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán e Mos, Gondomar, Oia, Baiona e Cambados, e despois desta en Marín as vindeiras semanas chegará a Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

A cerca de admin 47 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.