O Concello de Tomiño renova a iluminación exterior para reducir o consumo de enerxía no municipio

Concello de Tomiño A Nova Peneira

En convenio coa Deputación de Pontevedra, e a través dos fondos FEDER, instaláronse novas luminarias de baixo consumo en Sobrada, Currás e Amorín

Tomiño, 27 de xullo de 2023

O Concello de Tomiño vén de renovar o alumeado exterior nas parroquias de Sobrada e Currás ata Amorín, pola estrada xeral; así como a iluminación e sinalización exterior do Concello, co propósito de reducir o consumo enerxético. Conserváronse as carcasas pero instaláronse no seu interior unhas novas luminarias que permiten reducir as emisións de carbono.

As acción de mellora incluíron a substitución de 376 puntos de luz e a instalación de nove cadros de mando novos, cos que se acadará un aforro enerxético estimado de case o 60%. Tamén se substituíu o cableado en mal estado. As zonas nas que se levaron a cabo estas accións foron o contorno de PO-350 na parroquia de Sobrada, así como o contorno de PO-552 nas parroquias de Currás e Sobrada.

Esta actuación de cambio de luminarias realizouse no marco dun convenio coa Deputación de Pontevedra e foi financiada nun 80% por fondos FEDER, e está aliñado co Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) que o Concello botou a andar no ano 2020. O orzamento total ascendeu a case 165.000 euros.

O cambio de luminarias permitirá reducir nun 40% as emisións de CO2 de aquí a 2030, aumentar a capacidade de resiliencia do Concello minimizando o consumo enerxético, e incrementar o uso de enerxías renovables.

Con estas medidas, Tomiño avanza no cumprimento do seu plan de Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.