Sumar Galicia indica que Rueda perderá as próximas eleccións “como as perdeu Feijóo no Estado”

Sumar

Martínez Barbero califica de “disparate e lonxe da realidade” o discurso de Rueda no Debate sobre Política Xeral

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023.

A deputada de Sumar Galicia Verónica Martínez Barbero vén de valorar como “auténtico disparate e lonxe da realidade” o discurso do Presidente da Xunta de Galicia no Debate sobre Política Xeral, Alfonso Rueda, “intentando tapar con promesas a incapacidade destes anos, cunha Xunta de Galicia sen rumbo político e cunha Administración que funciona por inercia”.

Neste sentido, Martínez Barbero indicou que o Partido Popular leva practicando nestes anos unha política baseada no “nepotismo, os recortes e as privatizacións”, cunha atención primaria colapsada, uns profesionais, “abafados polo traballo, coa imposibilidade de ter máis de 4 minutos por paciente e uns centros de saúde nas comarcas que non teñen recursos, non poden atender as 24 horas ou unhas urxencia colapsadas”. “Isto é o que debería ter falado o Presidente da Xunta de Galicia”, referíndose aos problemas reais da cidadanía galega.

Martínez Barbero cre que Rueda manéxase moito mellor na televisión pública de todas as galegos e os galegos, “que utiliza sen rubor ao seu servizo”, e que, mellor que utilizala deste xeito, “estaría ben cumprir a lei, e explicar porque non se cumpre a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia”.

Igualmente Sumar Galicia critica que o Partido Popular, Feijóo, “e os seus herdeiros” non cren realmente no autogoberno por “moito que digan dende a Tribuna”, xa que “levamos case 15 anos sen competencias transferidas e sen o pulo político necesario para a autogoberno”.

Martínez Barbero cre que “nin a rebaixa de impostos nin os anuncios efectistas” van convencer unha maioría dos galegos e galegas, xa que, anuncia “Rueda perderá as próximas eleccións como as perdeu Feijóo no Estado, xa que este País precisa un goberno á altura da súa xente”. Para finalizar cre que Galicia precisa “políticas públicas útiles e un novo estilo de goberno” que virá da man dunha nova alternativa progresista, “centrado no emprego de calidade, a vivenda e uns servizos públicos fortes”.