
Aí ven o Maio brincando
pola beira dos camiños
onde se escoitan cantar
nas pólas aos paxariños.
Atendede ben cativos
a lingua na que vos canto,
ca que ollamos o mundo,
melodía e encanto.
Esta lingua que escoitades
é o axóuxere do vento,
un tesouro pendurado
nas liñas do firmamento.
Falade na nosa lingua
sen medos e sen complexos.
Sentide o aloumiño
das verbas nos vosos beizos.
Aí ven o Maio
polo Alvedosa,
escapa meu amigo
que xa chega a celulosa.
No corazón de Galiza
van facer unha desfeita,
así é como nos defenden
os gobernos da dereita.
Altri fora de Galiza,
lisca por onde viñeches.
Grande será a paz que leves,
grande será a paz que
deixes.
Non hai cartos neste mundo
que compren a nosa terra
porque a terra non se vende
xuntos hai que defendela.
Hai quen di que os galegos
temos o que merecemos.
Non sei canto hai de mentira,
non sei canto hai de certo.
Galiza ten o que vota
pero non o que merece,
sonche cousas ben distintas
pero é o que acontece.
Volta gobernar Galiza
o PP en solitario,
xa podemos ir rezando
os ateos o rosario.
Algo cambiouvos o conto
pasadas as eleccións,
hai esperanza, hai futuro
e chámase Ana Pontón.
O certo é que merecemos
un goberno que defenda
Galiza e a nosa lingua
sen enredos e sen fendas.
Tamén o que precisamos
é un goberno que protexa
o mar, os ríos, os montes
que temos na nosa terra.
Maio ven ao meu carón
que teño un pesar profundo.
Non teño bágoas nos ollos
por tantas guerras no mundo.
Maldigo ós que fan a guerra
este é o meu pensamento,
pero tamén eu maldigo
aos que venden armamento.
Non brila o ceo en Gaza,
é noite escura e pechada.
Israel os asasinos
Europa a súa aliada.
¡Hai que decilo ben alto
Netanyahu asasino,
del son os mortos e o sangue,
ai, do pobo palestino!
Pasarán todas a guerras
como pasan as tormentas,
logo mudarán a historia
os escribáns e profetas.
Feijoo anda por Madrid
chorando polas esquinas
porque para gobernar
só lle axudan os fascistas.
Teñen nome e apelidos
os herdeiros do franquismo,
resultan que son os mesmos
que comulgan co machismo.
Putas, coca, mascarillas,
mordidas e comisións,
así é como algúns defenden
á morte a constitución.
Grazas ao señor Tangana
Redondela está de moda,
para apreciar as cousas
teñen que vir os de fora.
Redondela que fermosa
dende o aire, dende a terra.
A Oliveira dos cen anos
é noso himno de guerra.
A Oliveira dos cen anos
composta por C.Tangana
xa é moito máis famosa
que Queen ou a Panorama.
Hoxe non estamos todas,
faltan as asasinadas,
as que nos deron a vida
e que foron silenciadas.
Silenciadas pola historia
en todos eidos da vida,
en cada raíño de sol
e no sangue da ferida.
Aló vai a despedida
deste poeta que escribe,
nacido en Redondela
e que noutra terra vive.
Aló vai a derradeira
na lingua do País Vasco,
grazas pola atención;
Mila esker, eskerrik asko.
