As redes clientelares de Mos

Paco García Cobas
Paco García Cobas

Hai dous modelos de xestión política: o clientelar, baseado no intercambio de votos por favores, e o programático, que antepón o interese colectivo

As prácticas caciquís maniféstanse, con frecuencia, a través da colaboración corrupta entre poderes públicos e empresas privadas

Paco García Cobas, xornalista

As forzas políticas progresistas de Galicia teñen unha obsesión dende os tempos da Restauración borbónica: loitar contra o caciquismo. Aínda hoxe resulta bastante común escoitarlle dicir a mozos e mozas, militantes de partidos esquerdas, que optaron por meterse en política “para acabar co caciquismo”. En moitos casos, non teñen moi claro que é iso do “caciquismo”, pero son plenamente conscientes de que existe e de que supón un freo para o avance da sociedade, especialmente en ámbitos rurais. O cacique xa non é ese señor petulante con bigote, chapeu, puro e gravata de lazo que pintaba Castelao. Hoxe pode ser un mozo vestido con roupa deportiva ou mesmo unha muller elegante e sofisticada que exhibe publicamente as súas emocións e comparte fotos da súa vida íntima en redes sociais. Adaptáronse aos novos tempos pero seguen estando aí, adoitan descender dunha liñaxe centenaria de caciques e son perfectamente identificables para a cidadanía.

Cales son, entón, as características que definen a estes caciques do século XXI? A resposta podémola atopar na interesantísima tese de doutoramento de Juan Manuel Pantín Colorado, publicada en 2017 e titulada Votos por favores: el clientelismo político en la actualidad. Estudios de caso en la Galicia rural. O autor é, actualmente, concelleiro do PSdeG-PSOE en Miño e como bo militante da esquerda galega identifica o caciquismo como un fenómeno social a erradicar. O caciquismo é, nin máis nin menos, a versión galega do clientelismo, un modelo de xestión presente en todo mundo e que consiste, basicamente, no intercambio de votos por favores entre dúas persoas que teñen un status desigual: o patrón (ou patroa) e o cliente (ou clienta). En torno a estas dúas figuras vaise construíndo unha rede de intereses na que interveñen unha serie de intermediarios, entre os que figuran axentes electorais, funcionarios públicos ou empresas privadas.

As modelo de xestión de Nidia Arévalo pode ser recoñecido facilmente como clientelar”

Na súa tese de doutoramento, Pantín establece unha contraposición entre a política clientelar e a política programática, entendida esta última como un modelo de xestión suxeito a un programa de goberno e a unhas normas establecidas que antepoñen o ben común aos intereses particulares. En Galicia, as prácticas clientelares ou caciquís están ligadas tradicionalmente aos partidos de dereitas, máis en concreto ao Partido Popular. É unha maneira de facer política que adoita garantir, ademais, xenerosos réditos electorais atendendo a unha lóxica esmagadora: o partido clientelar, cando chega ao goberno, reparte prebendas entre os seus aliados e castiga os opositores; o partido programático aplica políticas que buscan o beneficio común por riba de intereses particulares. Isto significa que, se apoias abertamente o partido clientelar, gañe quen gañe as eleccións vas obter un beneficio, é unha aposta segura; en cambio, se apoias o partido programático e este queda fóra do goberno, pódeste meter en problemas.

Por norma xeral, as redes clientelares nas que se apoia o caciquismo operan de maneira máis eficaz en contornas rurais onde todo o mundo se coñece. Para comprobar isto, abonda con repasar o comportamento diferenciado do electorado nas grandes cidades e nos pequenos concellos do interior de Galicia. Ou podemos reducir máis aínda a mostra e observar só o que acontece nun concello coma Mos, cun hábitat disperso propio do rural pero sometido ás dinámicas sociodemográficas propias dunha grande área metropolitana. Aquí, o modelo de xestión de Nidia Arévalo pode ser recoñecido facilmente como clientelar, tanto por partidarios como por detractores. É unha líder que busca o contacto directo coa xente e realiza promesas personalizadas practicamente para cada fogar. E esta forma de facer política funcionoulle moi ben, nas eleccións municipais, nunha parroquia coma Mos, onde as súas tupidas redes clientelares lle reportaron un 68% dos apoios, pero a estratexia non foi tan eficaz noutros lugares. En Tameiga, unha parroquia máis urbanizada que escapa, en boa medida, do control clientelar de Nidia Arévalo, o PP quedou moi lonxe de obter o 50% dos votos. Nas últimas eleccións ao Parlamento Galego, de feito, o BNG situouse alí como primeira forza política.

Caciquismo do século XXI

As prácticas clientelares son ilegais? Non necesariamente, aínda que o intercambio de votos por favores adoita derivar en prevaricación, malversación de fondos públicos ou tráfico de influencias, entre outras formas de corrupción política. Aínda así, a pregunta que nos debemos facer é outra: o clientelismo ten implicacións negativas para a sociedade? E a resposta, neste caso, é un rotundo si. O caciquismo colide frontalmente cos valores da democracia, convertendo os cidadáns en súbditos dependentes dunha Administración que lles vende calquera xestión coma un favor persoal e non como un dereito. Tal como indica Pantín na súa tese de doutoramento, “as comunidades onde operan as redes clientelares caracterízanse por unha escasa cohesión entre iguais e unha estreita relación entre desiguais; fortes vencellos verticais patrón-cliente fronte a escasos vencellos horizontais cidadán-cidadán”, algo que deriva nunha escasa cooperación social. O propio sistema, ademais, desincentiva a adopción de políticas públicas pensadas para o ben común, xa que a falla de avances sociais reforza e perpetúa a dependencia do cliente respecto ao patrón.

O caciquismo desincentiva a implantación de políticas públicas pensadas para o ben común”

As prácticas caciquís contemporáneas son sensiblemente diferentes ás de hai 15 ou 20 anos. As contratacións masivas de persoal para o Concello ou a Deputación en véspera de eleccións son, por norma xeral, cousa do pasado ou, cando menos, xa non se poden facer dunha forma tan descarada. A crise económica de 2008 e as mobilizacións do 15M marcaron un punto de inflexión e hoxe os cargos políticos, mesmo aqueles que actúan de maneira clientelar, están sometidos a un maior nivel de fiscalización por parte da opinión pública… pero sempre atopan subterfuxios. A colaboración público-privada xoga, na actualidade, un papel esencial e moitos líderes caciquís ofrecen, con maior ou menor nivel de discreción, favores corruptos a empresas a cambio de que estas poñan á súa disposición postos de traballo para familiares, amigos e votantes fieis ao partido gobernante.

Quen ten a culpa?

Imaxinemos unha situación hipotética na que calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Pensemos nunha alcaldesa que estea disposta a outorgar licenzas irregulares a un poderoso investidor que quere desenvolver un macroproxecto urbanístico en terreos forestais. Supoñamos que esa mesma alcaldesa conceda xenerosas bonificacións nas taxas municipais ás grandes empresas que queiran instalarse no seu concello, todo co lexítimo obxectivo de impulsar a creación de emprego. De feito, unha das condicións esixidas para acceder a esas vantaxes podería ser que unha porcentaxe significativa do persoal estea censada no propio municipio. Figurémonos que o partido no goberno lle remitise a estas empresas un listado coas persoas a contratar e asumamos, ademais, que este tipo de prácticas non só sexan perfectamente coñecidas pola veciñanza, senón que unha parte moi importante da poboación as aplauda e intente beneficiarse delas.

Nun caso coma este, existan ou non ilegalidades manifestas, quen está a actuar de forma corrupta? O goberno democrático que se sente apoiado polo electorado? A empresa que actúa conforme ás condicións esixidas polos poderes públicos? Ou a cidadanía que reelixe con maioría absoluta o goberno clientelar? É a carioca que morde o seu propio rabo. O sistema retroaliméntase e é preciso abrir unha reflexión colectiva, porque o caciquismo segue estando en pleno vigor e as súas consecuencias para o progreso da sociedade, como vimos, poden ser nefastas.