Tino Lago
Un ano máis achegámonos ata o local da CUT na cidade de Vigo para conversar con Ricardo Castro, o seu Secretario Xeral, e coñecer a súa visión da realidade social que estamos a vivir no momento actual. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“Vivimos nun sistema enfermo que non vai poder curar ningunha dialéctica parlamentar”
Como vai a consolidación da CUT en sentido de volume de delegados e delegadas e de penetración nas empresas?
Nós seguimos en progresión de crecemento constante. A suba nótase máis na afiliación que no que se refire aos delegados e delegadas.
O ano 23 foi ano de eleccións sindicais. Como foron para a CUT?
A valoración é positiva: mantivémonos onde xa estabamos, medramos en varias empresas, e entramos en novos sectores nos que aínda non tiñamos representación. O problema non é crecer, senón o que se fai co que se crece. Cando medras cómpre manter a cerna ideolóxica do sindicato para poder seguir intentando transformar a sociedade. E non é nada fácil, penso que hoxe en día vivimos nun momento moi crítico ao respecto de poder manter unha praxe sindical e tamén política autenticamente transformadora
En relación a esta visión túa, que comparto, quixera preguntarche se para ti os dous supostos grandes sindicatos de clase estatais,CCOO e UGT , xa non son outra cousa que meras xestorías?
A realidade deste dous sindicatos xa é anterior á existencia da CUT e da CIG. Coa transición ía anexada a famosa paz social. Esta realidade dramática para a clase traballadora na que se acabaron convertendo estes dous sindicatos que mencionas é parte da tarifa que pagan por ser sindicatos subvencionados e por estar nesas mesas ficticias de negociación e sucumbir a iso que lle chaman paz social. Quero deixar claro que hai centros de traballo onde os seus representante si que son combativos e dignos. Tamén sei que en determinadas circunstancias, se se saen un pouco de contexto, ven a dirección a cortar as ás.
Ao fin e ao cabo é como funciona o sistema: permite a existencia de certa disidencia pero só ata certos límites. Como se pode combater isto?
Non é nada fácil responder a esa pregunta. Supoño que é unha cuestión de pedagoxía, de tempo, de traballo, de socializar….. Agora mesmo estamos nun momento malo, de regresión. O pulso dominante do capital está impregnado na clase traballadora absolutamente, este é un problema universal da clase traballadora e afecta a calquera sindicato.
Para que a sociedade capitalista funcione é imprescindible o crecemento económico. Pero o crecemento perpetuo é imposible:vivimos nun planeta finito. Neste sistema a especie humana corre perigo de extinguirse en non moito tempo mentres as masas están alienadas con cuestións que carecen da máis mínima relevancia como por exemplo o fútbol ?
O capitalismo é depredador e o seu motor de funcionamento é a acumulación. Apodéranse da materia prima, da man de obra e do que faga falta. A visión do capital non é unha visión de futuro, senón de curto prazo. Incluso as cimeiras do clima non son outra cousa que unha forma máis de procurar o rendemento económico.
A miña opinión persoal é que ou a humanidade constrúe algo parecido ao socialismo ou desaparece
Eu son comunista e avogo pola defensa do común, discurso totalmente contrario ao que transcorre hoxe en día do individualismo. Para min é o colectivo o que me fai individuo e non ao revés.
A nosa posición intelectual é, no contexto no que vivimos, moi minoritaria. Pero a historia, como dicía Marx, é un proceso que avanza en espiral. O que hoxe é minoría pode chegar a ser maioría?
Quero considerar que si. De feito ou é así ou como dixeches ti a especie humana se acaba por extinguir. Os cubanos dicían patria ou morte, aquí é ou revolución ou morte, non queda outra. A enfermidade é sistémica e estrutural e non se vai poder curar na dialéctica de ningún parlamento.
Cal é a visión da CUT sobre a realidade social galega?
A mesma que estes últimos anos. Eu non confío nunhas eleccións xerais para o camiño do cambio, son pesimista e penso que única maneira de cambiar as cousas vai vir da rúa, da xente ou de movementos como parecía ser o 15M no seu día.
Como está a realidade laboral?
Moi mal. A precariedade está instaurada e asimilada pola clase traballadora. As grandes multinacionais ditaminan os dereitos. Casos como o de Citroën que é a que dá as directrices de como ten que ir o sistema. Di cando hai que marchar ao ERE ou non,facendo que os traballadores estean as 24 horas dispoñibles ao servizo da empresa. En Galiza estámonos a converter nun Benidorm de hai anos, as hordas turísticas que vexo en Vigo co bastón e a conca de vieira coma se isto fose a ruta Xacobea cando por Vigo nunca pasou un peregrino en antano….
O tema de Altri é escandaloso. Se a Xunta gaña este proxecto Galiza como país e identidade cultural desaparece, vai pasar a ser unha colonia en sentido estrito.
Como está o naval e como está a automoción en Vigo?
O sector naval está en estado catatónico. Case podiamos dicir que só ten valor simbólico en relación co que foi .A destrución do naval non é só a dun sector económico, senón tamén a ofensiva intencionada contra un sector que tivo unha extraordinaria importancia sindical e ideolóxica .Desde que desapareceu o naval acabáronse os conflitos laborais na nosa cidade.
A automoción non creo que leve o mesmo camiño, porque a verdade este sector nunca tivo a dimensión sindical que chegou a ter o naval, pero está tamén nunha situación de extraordinaria precariedade.
En relación á automóbil cal é a túa valoración sobre a eclosión de empresas multi servizos tipo Ilunion?
É unha estafa de manual. Baixo a falsa aparencia da integración de persoas con discapacidade en realidade o que se esconde é a rebaixa dos custes laborais, pagar menos á xente, facer máis precaria aínda a vida dos traballadores e traballadoras. É iso, só iso e nada máis ca iso.
Parte da responsabilidade desta situación está no seguidismo á política de facilitarlles a entrada a esas empresas que fai o sindicato amarelo de Stellantis e as súas filiais.
Cales son as súas filiais?
CCOO e UGT.
Así de claro?
Así de claro.
Os representantes da CUT en Stellantis sofren moita presión?
Si, é constante. As persoas que se vinculan dentro da factoría a outras centrais sindicais que non sexan as do sistema saben que lles vai pasar iso. Pásanos agora a nós e pasoulle no seu momento á CIG.
En que momento orgánico estades agora?
Estamos a tres anos do próximo congreso. Na Pandemia decidimos que os congresos fariámolos cada cinco anos.
E ti persoalmente como estás?
Eu son un militante sindical e seguirei séndoo todo o que me quede de vida. Pero creo que os relevos na dirección son necesarios e que axudan á boa saúde da centra sindical. Cando cheguemos ao vindeiro congreso xa serán 14 anos, en dous períodos, os que leve de SX e particularmente considero que o mellor sería un relevo. En calquera caso eu, máis alá de siglas, teño conciencia de clase: formo parte da clase traballadora e seguirei defendendo sempre os seus intereses e dereitos.
