Contra o terrorismo sionista

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Militante independista

Os comunistas galegos apoiamos o pobo árabe e as mobilizacións que se están a producir ao longo de todo o País e do mundo para denunciar a masacre que está a sufrir a poboación palestina a mans do xenocida exército sionista do Estado teocrático de Israel. Un estado que goza de patente de corso por parte da complicidade internacional para cometer todos os crimes de lesa humanidade que se están a retransmitir en prime time coma se nada.

Non imos entrar no debate sobre a desproporción de que milleiros de mísiles de última xeración se midan a catro foguetes obsoletos, nin sobre a lexitimidade duns ou doutros, nin sobre quen é o bo e o malo da historia, nin sobre se Israel imita ao seu verdugo de hai oito décadas. Non hai debate posíbel ante o evidente e todos estes temas só intentan desviar a atención sobre un auténtico xenocidio apoiado por Estados Unidos, a OTAN e a Unión Europea, e xustificar a masacre de centos de civís e cativos indefensos.

O que si queremos denunciar é, o enmascaramento mesquiño das verdadeiras intencións xeopolíticas do imperial-capitalismo internacional por medio do terrorismo sionista: eliminar a nación palestina, controlar a rexión, forzar a suba do prezo do petróleo, desviar a atención sobre as crises do capitalismo e aumentar a explotación de clase. Queremos denunciar, polo tanto, a complicidade dos mass media do sistema xustificando a diario os crimes sionistas, tanto dende os medios privados coma dende os “públicos”.

Queremos denunciar o silencio da inútil ONU, superada pola coherencia solidaria e valente de países como Venezuela, Cuba, Nicaragua, Irlanda, México e, sobre todo, Sudáfrica. Queremos denunciar tamén que moitas das bombas e armas que asasinan aos nenos de Gaza son de fabricación española e europea e son vendidas a Israel polo goberno “progresista” (PSOE, Sumar e aliados nacionalistas) do Estado Imperialista Español. Cómpre ter moi en conta este dato.

Temos que denunciar todo este cinismo e hipocrisía dos mal-chamados “demócratas liberais”, aos que se lles enche a boca de “paz” e “liberdade” e permiten o xenocidio televisado. Ao mesmo tempo solidarizámonos con todo o pobo de Palestina e con todo o seu movemento de resistencia, sen excepcións. Esiximos ao EIE a ruptura de relacións con Israel e animamos á xente do común a boicotear os produtos de fabricación sionista co código de barras 729.

Animamos ao pobo traballador a secundar as mobilizacións en solidariedade con Palestina, nas cidades, vilas e centros de ensino, e animamos tamén a acudir á información independente e desintoxicada. Cabe salientar a labor informativa que están a levar adiante moitos usuarios de X e doutras redes sociais, grazas aos cales estamos a recibir novas sobre este acto criminal dende unha perspectiva distinta á habitual.

Temos que mobilizarnos para acabar cos nazis do século XXI: os sionistas do Estado de Israel.