Sol Seoane
Sol Seoane como portavoz do BNG de Ponte Caldelas, con ocasión da chegada en breve do Día da Patria Galega quero partillar unha reflexión sobre a situación política do noso concello.
A pesar de que o PSOE nestas últimas elección nos auguraba a perda dun concelleiro,
nestes momentos o BNG é a segunda forza da oposición. Xavier Lourenzo e mais eu, Sol Seoane, facemos que se manteña o mesmo número de concelleiros que tiñamos na anterior lexislatura.
E o noso labor como concelleiros en Ponte Caldelas baséase nas seguintes liñas de
actuación que nos parecen oportunas para a mellora da vida e convivencia no noso concello::
– De forma reiterada solicitamos que se continue coa instalación da rede de sumidoiros en todos os lugares do concello. Neste eido tan básico, levamos máis de oito anos sen que se faga nin un só metro do mesmo.
– Outra das nosas recentes propostas é que ante a nova reconstrución do campo de
fútbol (asolagado e estragado coa última crecida do río Verdugo deste inverno) pedimos que non se volva empregar caucho granulado porque está considerado un material potencialmente contaminante e sobre o que a UE xa aprobou o regulamento que pon fin ao seu uso nos campos de fútbol a partir do ano 2031.
– Tamén nun dos últimos plenos solicitamos que, ante o actual estado de abandono que se observa na área arqueolóxica de Tourón, se tomasen as medidas necesarias
para mellorar dita área arqueolóxica e mantela en bo estado porque é unha das manifestacións patrimoniais máis relevantes do noso concello.
– A nivel social tamén temos manifestado en varias ocasións que sería conveniente a rehabilitación da vivenda social de Caritel, un inmoble de titularidade municipal, coa finalidade de ofrecer resposta a situacións temporais, sobre todo para aquelas familias sen recursos
O actual equipo de goberno parece centrado maioritariamente en organizar comidas e excursións, isto fai que o noso concello pareza máis unha axencia de viaxes, unha oficina de xestión de eventos gastronómicos ou unha oficina de obxectos perdidos a recoller en Alcaldía.
Dende o BNG consideramos e defendemos que os recursos públicos se deben empregar con rigurosidade e sempre priorizando aquilo que é máis necesario para o benestar da veciñanza e o desenvolvemento da cultura e da economía do noso concello.
Nós, dende o BNG de Ponte Caldelas, seguiremos formulando propostas co fin de mellorar a vida e a contorna das veciñas e veciños.
