A difícil realidade de Arbo: Un futuro hipotecado pola xestión local

Diego BNG de Arbo
Diego Prieto Gago- responsable Local BNG de Arbo

Arbo, un pequeno municipio da provincia de Pontevedra, foi historicamente coñecido pola súa rica tradición e a súa apracible paisaxe galega. Con todo, a día de hoxe, parece que o seu futuro está marcado por unha crecente desilusión e un sentimento de abandono por parte do goberno local que debería velar polo seu benestar e desenvolvemento, pero que na maioría de aspectos, segue mirando ao pasado, sen ofrecer unha visión de futuro.

Nos últimos anos, Arbo está a ser testemuña dunha deterioro progresivo nas súas infraestruturas, unha falta de planificación urbanística e unha carencia de políticas efectivas que promovan o desenvolvemento económico e social. As promesas de modernización e mellora da calidade de vida para os seus habitantes quedan sempre en promesas baleiras, mentres que os problemas do dia a dia do municipio persisten. Un dos aspectos máis alarmantes é a situación das infraestruturas locais: as pistas e camiños atópanse nun estado deplorable, tamén as fontes e lavadoiros, así como as zonas de lecer, como parques e xardíns, que escasean por todo o municipio e onde o pouco que hai, atópase na súa maioría nun estado completamente abandonado, algo que afecta directamente á vida cotiá das arbesas e os arbeses.

Aínda por riba, a falta dun plan local para atraer investimento e fomentar o emprego deixou a Arbo sen novas oportunidades de desenvolvemento, e a mala decisión de ocupar a maior parte do terreo dispoñible no noso parque empresarial para a construción dunha empacadora de lixo de SOGAMA, que ofrece un só posto de traballo, fai que aos arbeses e as arbesas carguemos cunha hipoteca moi difícil de pagar. Máis aínda neste momento, que o polígono da PLISAN está en pleno desenvolvemento, e poderiamos ser unha opción interesante para empresas que quixesen asentarse preto dese macropolígono a un prezo máis competitivo, perdendo así unha gran oportunidade para crear postos de traballo na nosa vila.

Outro dos aspectos máis preocupantes é a falta de transparencia e diálogo cos veciños. O goberno local parece máis enfocado en manter o seu poder que en escoitar aos veciños e buscar solucións consensuadas. As críticas á xestión son frecuentes, pero estámpanse contra a porta dun goberno que nin quere escoitar nin quere asumir a responsabilidade dos erros cometidos. Este estilo autoritario e pechado ás críticas crea un clima de desconfianza que non favorece a cohesión social nin o desenvolvemento do municipio. Non son poucos os problemas que hai en Arbo, pero en todos e cada un atopámonos a un alcalde completamente de costas a eles.

A todo isto, súmaselle a inacción en materia de servizos públicos. As deficiencias nas liñas de transporte público, no centro de saúde, na atención ao público no concello, no plan madruga e en outras moitas cuestións de vital importancia que se deberían mellorar notablemente, xa que son servizos que repercuten directamente na calidade de vida das veciñas e os veciños, pero que en Arbo tampouco son unha prioridade para o goberno local.

O panorama que se debuxa para Arbo a medio-longo prazo é desolador. O goberno local, en lugar de dar resposta aos problemas reais do municipio, parece centrarse en cuestións secundarias, sen un proxecto claro de futuro. A falta de organización, a desconexión coa realidade dos veciñanza e a ausencia dunha visión a longo prazo están a condenar a Arbo a un futuro incerto, onde a falta de servizos públicos de calidade, o envellecemento, a despoboación e o peche dos negocios de sempre parecen ser as únicas constantes.

Os arbeses e as arbesas merecen un goberno local comprometido co seu benestar, que traballe polo presente e o futuro do municipio. Un goberno capaz de escoitar, de buscar solucións de emprego, de mellorar a calidade dos servizos públicos e, sobre todo, de devolver a esperanza a un pobo que con toda xustiza, merece máis.

A situación actual de Arbo é o resultado da falta de vontade política para asumir novos retos e dar respostas eficaces ás necesidades que temos como pobo. Mentres tanto, se non cambiamos esta situación, a marcha do tempo segue deixando atrás a un pobo que parece condenado á irrelevancia.