Neste contexto no que o IGE ven de pór negro sobre branco os datos que amosan o terrible estado de saúde do idioma galego, o traballo activista de persoas como o filólogo Carlos Callón é de enorme importancia para a vida da lingua galega, como o é o aire que respira a auga que bebe ou as palabras de acougo e tenrura que poida recibir para a vida de calquera persoa. E a nosa obriga, a obriga de todas as que amamos que os fillos das nosas fillas poidan vivir unha vida plena no idioma no que a viviron os pais das nosas nais, é a de darlles voz, a Carlos Callón e aos milleiros de homes e mulleres que, como Carlos, dan o mellor de si para que as 1.000 primaveras máis para o idioma galego sexan de verdade.
“ Quen goberna a Xunta nestes momentos é unha calamidade para o pais e para a nosa fala”
Para que non te coñeza, Carlos, fálanos un pouco de ti mesmo: de onde es?, cal é a túa formación? a túa traxectoria profesional? e a que te dedicas na actualidade?
Nacín en Ribeira no ano 78. Son doutor en Filoloxías Galega e Portuguesa e, despois de estar uns anos a traballar en Lisboa, na actualidade son profesor no instituto San Clemente de Santiago de Compostela. Escribo ensaio e poesía, e dedico moito do meu tempo ao activismo por un mundo mellor, dentro do cal inclúo o traballo polos nosos dereitos lingüísticos.
Libros polos que tes diversos premios, entre eles o premio Vicente Risco das Ciencias Sociais ou o da Crítica de Investigación.
Nos meus ensaios tento achegarme a algún ángulo da verdade que non estea a ser moi atendido e sobre o que eu sinta curiosidade. Moitas veces son traballos lingüísticos, mais non só. Por exemplo, o premio Vicente Risco que citaches foi para unha investigación sobre a diversidade afectiva e sexual no pasado. Agora, en xaneiro de 2025, vou publicar un libro que é continuación, que se vai titular Vidas e historias LGBT da Idade Media. Penso que moitas persoas van ficar sorprendidas con algúns documentos que alí aparecen.
E no caso de “O libro Negro da Lingua galega”, que foi o que che motivou a escribilo?
Existe unha certa idea de que o galego tivo problemas no pasado, mais non se terminan de nomear cales son esas dificultades. Entendín que era preciso documentar o mellor posíbel a historia de silenciamento da nosa lingua, tanto para tomarmos consciencia como para axudar a que o galego recupere o dereito de domicilio na súa propia casa.
Cal é a mensaxe que che gustaría que tirase un lector ou lectora despois de ler “O libro negro da lingua galega”?
Que entenda que a perda do galego non é en absoluto espontánea, senón que foi e é dirixida, e tamén que vexa como, á beira das historias máis feas de represión do galego, hai tamén as vidas lindas de moitas persoas que continuaron a turrar pola nosa cultura mesmo nas situacións máis difíciles.
Cantas presentacións tes feito nestes dous anos, creo que un feixe delas?
Imos camiño das cen, tanto en diferentes puntos de Galiza como tamén noutros lugares de fóra, como Lisboa, Bruxelas, Rio de Janeiro, Niterói, Madrid, Salvador, Bilbao, Gasteiz… Hai fame de saber máis sobre a historia da nosa lingua. No primeiro mes de estar na rúa xa tivemos que facer a segunda edición.
Chegaches a contabilizar os quilómetros que tes percorrido desde o 2022 só nas presentacións do libro?
Nunca o pensei neses termos, mais a túa pregunta faime ter gana de coller Google Maps e botar as contas! Cando estreei o libro estaba a vivir en Lisboa e daquela tiña que vir de seguido ás presentacións a Galiza. Foi un esforzo económico e persoal moi importante, mais valeu a pena. Eu gosto moito desa frase que di que todo o que se faga por Galiza é sementeira. Hai que sementar. Se non o facemos nós, quen o vai facer?
Que receptividade encontras no público que acode a te escoitar cando presentas o libro?
Sinto acollida, tanto intelectual como emotiva. En moitas presentacións, a xente emociónase e comeza a contar as súas propias vivencias sobre a represión do noso idioma. Unha persoa contou que de pequeno estaba nun internado e o castigaban toda a noite de xeonllos, cos brazos en cruz se o escoitaban falar en galego. Vivencias como esta contan moitas persoas nas presentacións, mesmo darían para que cada unha delas escribise un libro.
Honestamente, Carlos, o libro chega á sociedade galega en xeral ou só aos segmentos que xa estamos a priori afectivamente vencellados e vencelladas coa conservación do idioma galego como lingua viva?
Para moi foi moi importante en todo o momento que non fose un libro para gardar nunha estante, senón que fose unha obra viva. Exixinme a min mesmo un rigor escrupuloso, para que se vise ben de onde viña cada dato, mais tamén tentei redixilo de forma que fose o máis fácil posíbel de ler, a pesar de ser unha obra que pasa das 700 páxinas. O libro ten capítulos pequenos ordenados cronoloxicamente desde 1480 até 1986.
Ademais dun amplo programa de presentacións, realicei roteiros na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ponteareas. Axiña, espero realizar tamén roteiros sobre a obra en Ribeira e Lugo. Ademais, editáronse cartaces, adhesivos, realizáronse vídeos, un calendario de imaxes que se está a utilizar en varios institutos… Os medios son escasos, mais agradezo moito a todas as persoas, entidades e institucións locais que fan o que está na súa man para multiplicar a mensaxe. Iso non quita que haxa que facer dez para que conte unha.
E nas administracións, especialmente na administración autonómica, que receptividade tivo a descrición que fas de séculos de represión que vén sofrendo o idioma galego?
O libro árdelles…
O labor de persoas coma ti pola conservación do idioma, Carlos, é admirable. Tes todo o noso respecto e consideración. Hai centos, ou incluso milleiros de persoas, espalladas por todo o país que dades o mellor de vós mesmos para que o noso idioma non morra. Tamén hai colectivos marabillosos como A Mesa ou Queremos galego, que ti tan ben coñeces, mais o recente informe do IGE sobre o estado de saúde do noso idioma, demoledor, parece amosar que iso non abonda. Cun 16% de nenos e de nenas de entre 5 e 14 anos que se expresan habitualmente en galego é posible que o galego siga existindo como lingua viva na seguinte xeración? Xa sei que para as persoas que amamos o noso idioma, dicir que non é posible é terriblemente fodido, mais quero unha resposta, na medida do posible, realista que procure marcar as fronteiras entre a realidade e o desexo?
Que os datos fosen os esperados non evita que o mazazo nos doia e que nos afecte sensibelmente no ánimo, mais temos que ter a cabeza fría e o corazón quente. O futuro está por escribir.
O estraño, na verdade, non é que se perda o galego. Non chega en absoluto ao 16% a porcentaxe da nosa lingua no ensino, nas administracións, na radio, na televisión, na xestión de servizos básicos, nos supermercados… O maior misterio do galego é como non desaparece a pesar de levar tanto tempo sendo silenciado e obstaculizado. Isto non quere dicir que, se non somos capaces de mudar a situación, a nosa lingua non poida residualizarse aínda máis. Ora ben, hai motivos tamén para saber que o futuro pode ser diferente, e citaría tres en especial: o amor que a inmensa maioría da sociedade galega ten polo galego (mesmo as persoas que non o falan desexan que se potencie), a posibilidade de facer o camiño de volta coa aprendizaxe, e a pertenza ao sistema lingüístico galego-portugués, que agora mesmo non estamos a aproveitar, mais que aceleraría o proceso de revitalización.
É posible sen a intervención firme e decidida da administración autonómica?
Ningún dereito social pode garantirse nin avanzar sen as administracións, tampouco os dereitos lingüísticos. Nese sentido, só podemos recoñecer que quen goberna a Xunta nestes momentos é unha calamidade para o país e para a nosa fala. Todas as administracións deberían remar no sentido de garantir a plena oficialidade para a lingua galega.
Cales serían ao teu xuízo as medidas concretas e específicas que tería que tomar a administración para tratar de reverter a tendencia de perda de falantes?
Hai dúas palabras chave: agarimo e vontade. Se tivésemos un Goberno galego que quixese que se avanzase e tivese un mínimo de amor polo noso idioma, non estariamos na situación de vulnerabilidade e discriminacións que padecemos no presente. Hoxe é moito máis difícil vivir en galego que hai 15 anos e iso ten responsábeis concretos.
Por dar dous datos: somos a única lingua do Estado que non ten unha emisora de TV que se centre en programación infantil e xuvenil, e somos a única lingua do Estado en que non se estrea ningún filme para a xente nova nos cinemas. A quen lle faría dano que as nosas meniñas e os nosos meniños puidesen escoller ver ficción na lingua propia? Por que Alfonso Rueda nolo impide?
