Velaí vai a presentación da profesora Lola Varela dunha moi interesante actividade desenvolvida por SOGASEX.
O COMPROMISO DAS FAMILIAS E DO PROFESORADO NA EDUCACIÓN SEXUAL INTEGRAL
14 de febreiro de 2025 na Casa das Campás en Pontevedra
Desde a Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX), sentimos a necesidade de recompilar información das familias para axudarnos a mellorar as nosas intervencións en materia de educación afectivo sexual, que a LOMLOE recolle como unha materia transversal en Educación Primaria e Secundaria, e contribuír ao desenvolvemento integral de cada menor.
Tendo en conta que a aula é un espazo privilexiado de acompañamento no desenvolvemento das capacidades cognitivas, sexuais e emocionais, consideramos que coñecer as opinións e perspectivas das familias con respecto ao profesorado, así como contar coa súa participación e implicación neste tema, sería de grande axuda e tamén sería beneficioso para alumnado, para docentes e para as propias familias.
Por iso, desde SOGASEX, deseñamos unha ferramenta, un cuestionario, a Enquisa escolar dirixida a familias sobre educación sexual, a primeira realizada en Galicia, para coñecer as opinións, actitudes, coñecementos e suxestións sobre este tema, así como a percepción respecto ao papel que lle compete á familia na educación sexual dos e das menores. Este cuestionario foi totalmente anónimo, a información non ía asociada a ningunha identidade, e estaba dirixido ás nais, pais ou persoas titoras do alumnado. Foi de grande axuda a colaboración do IES A Xunqueira I de Pontevedra, na persoa do seu director Enrique Rey, pero de xeito moi especial a de Alberto Villanueva, administrativo do devandito instituto, e a de Luisa Fernanda Aris, compañeira e amiga, que aportaron ambos os seus saberes coas novas tecnoloxías; e como motor principal, debemos este traballo á nosa presidenta de SOGASEX, Purificación Leal.
Para dar a coñecer os resultados desta enquisa organizamos esta Xornada monográfica sobre Educación Sexual Integral (ESI) hoxe14 de febreiro, Día Europeo da Saúde Sexual. Coñeceremos algunhas das achegas á educación sexual desde a nosa comunidade galega, a través da investigación, a reflexión e o compromiso de persoal docente e de persoal da sexoloxía.
- O compromiso coa Educación Sexual do persoal docente nas aulas
Intervirán: Pepe Cabido, Chis Oliveira e Amada Traba
El, profesor de filosofía e coordinador do nº 90 da Revista Galega de Educación, dedicada á Educación afectivo-sexual, e elas, autoras do ensaio A trampa da pornografía: educar o desexo, a sexualidade e o amor nese mesmo número. Ambas expertas en educación emocional e sexualidade e autoras do libro ám@me. Pensar o amor no S XXI, entre outras moitas publicacións.
2. O protagonismo das familias na Educación Sexual
Presentación dos resultados da primeira enquisa en Galicia dirixida as familias sobre educación sexual, realizada durante o ano 2024, pola Sociedade Galega de Sexoloxía.
Intervirán: Purificación Leal, presidenta de SOGASEX, Luísa Fernanda Arís e Lola Varela, docentes, membros de SOGASEX e responsables da realización da enquisa e do estudo posterior.
- A Intelixencia Artificial e a Educación Sexual. Problemas e solucións
Intervirán: Fina Paulos e Óscar Rey docentes do IES Maximino Romero de Lema, de Baio (A Coruña). Autora e autor do libro de recente publicaciónIntelixencia artificial para a sociedade, primeiro manual sobre IA en Galicia.
- La violencia adolescente en clave relacional
Intervirá : Vanessa Rodríguez, psicóloga e sexóloga, coautora do libro La violencia adolescente en clave relacional.
Agradecemos a vosa presenza nesta Xornada, onde tentaremos afondar no papel das familias e do profesorado na educación sexual dos e das menores, diante de perigos como a pornografía e a violencia sexual e coa novidade do emprego da Intelixencia Artificial como instrumento de formación.
Finalmente, agradecer ao Vicerreitorado do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo por cedernos este local para realizar esta Xornada e ao Dr Manuel Varela por facer as xestión, e a Franco Tedesco polo fermoso cartel desta Xornada.
